O covid sega seis anos de crecemento da facturación das grandes empresas galegas

As 20.000 maiores firmas ingresaron 109.100 millóns en 2019, un 5,6% máis que no exercicio anterior
Nave de Lactalis en Vilalba. ARCHIVO
photo_camera Nave de Lactalis en Vilalba. ARCHIVO

A pandemia asestou unha poutada á economía galega crebando en 2020 unha expansión ininterrompida desde 2014, o ano no que arrincou a recuperación tras a crise financeira. En 2019, cando nada facía presaxiar que un virus puidese levar o tecido produtivo á Uci, as grandes empresas galegas continuaban crecendo. Así o reflicte a nova edición da base de datos do servizo de información Ardán que elabora o Consorcio da Zona Franca de Vigo, segundo o cal os ingresos das 20.000 maiores firmas galegas sumaron 109.113,8 millóns de euros.

Esta cifra reflicte un crecemento interanual do 5,6% que testemuña que, a pesar de manter a tendencia á alza que arrincou en 2014, os negocios xa crecían con menor brío como consecuencia da desaceleración económica. No entanto, a mellora global da facturación superou amplamente o aumento do PIB galego, que no ano precovid foi do 1,8%. 

Das 21.030 compañías que recolle a base de datos, apenas 215 superan os 50 millóns de volume de negocio, o baremo que fixa a UE á hora de colgar a etiqueta de grande empresa. Son sete máis que na edición anterior. A radiografía testemuña que o minifundismo que os expertos chaman a superar para gañar competitividade segue imperando, pois o 78% das firmas factura menos de 2 millóns, un nivel propio das microempresas. 

O completo estudo, elaborado peiteando as contas anuais depositadas nos rexistros mercantís, tamén dá conta da evolución do emprego. En conxunto, as grandes empresas acabaron o exercicio con 400.166 traballadores, 10.074 máis que en 2018 (+2,6%). A ocupación creceu así por enriba da media que apuntou a enquisa de poboación activa para o conxunto do sistema produtivo, do 1,6%. 

As grandes empresas acabaron 2019 con 400.166 traballadores, 10.074 máis que no exercicio anterior

Sen perder de vista que os datos de 1.030 sociedades están actualizados só ata 2018, a base de datos constata que a contribución á xeración de riqueza destes negocios creceu un 9,5%, ata 33.245 millóns de valor engadido. 

Con 31 dos 50 maiores negocios de Galicia, a provincia da Coruña incrementou o seu peso económico en 2019 en detrimento do resto, pois as 8.481 firmas das que os expertos de Zona Franca solicitaron información concentraron o 59,6% da cifra de negocio total, tres décimas máis que en 2018. As 7.942 pontevedresas, do seu lado, coparon o 29,4%; mentres que as 2.001 ourensás representaron o 5,7% e as 2.606 lucenses, o 5,3%. 

Inamovible no seu trono, Inditex continúa dominando a clasificación. Duramente afectada pola pandemia —un feito que recollerá a base de datos Ardán do próximo ano—, a matriz do grupo fundado por Amancio Ortega facturou en 2019 un 9,4% máis, 18.261 millóns. Entre os 50 postos de partida da listaxe, 14 son filiais do coloso de Arteixo, ás que se suman os dous vehículos de investimento de Ortega, Pontegadea e Partler. Aínda que coa terceira parte do peso de Inditex, a automoción segue sendo o segundo motor económico de Galicia, pois PSA facturou 5.266 millóns, un 3,2% máis. 

Comentarios