Citroën deixará de producir mil vehículos por un problema na zona de pintura

A factoría de PSA Peugeot-Citroën de Vigo deixará de producir uns mil vehículos dos seus modelos Berlingo e Partner como consecuencia do problema detectado o xoves na zona de pintura que mantén paralizada a actividade da fábrica galega.

Así o confirmaron fontes da empresa, quen indicaron que está previsto recuperar esta produción no mes de setembro.

As fontes precisaron que o problema se detectou nas cubas onde se lavan as carrocerías antes de proceder ao seu lacado e que se está intentando resolver este problema con vistas a renovar a produción con moita brevidade.

En total, tres quendas de produción do sistema 1, que fabrica as furgonetas Berlingo e Partner deixaron de traballar por esta incidencia. Trátase das quendas do xoves pola tarde, o nocturno e o deste venres.

Mentres, fontes sindicais sinalaron que este paro afecta a uns 4.000 traballadores, a metade do persoal, que se reincorporou ao traballo este luns, mentres que a outra metade segue de vacacións.

Comentarios