Chaves nega que se vaia a conxelar os soldos dos funcionarios

O vicepresidente terceiro do Goberno, Manuel Chaves, asegurou este xoves que o Goberno cumprirá o seu acordo cos sindicatos de funcionarios, asinado o pasado mes de setembro e que contemplaba unha subida salarial do 0,3% este ano.

Con estas declaracións desdice o comunicado polo secretario de Estado de Facenda e Orzamentos, Carlos Ocaña, quen anunciou o mércores unha proposta de revisón do acordo salarial para garantir unha redución dun 4% en 2013 do gasto de persoal.

Tras comentar que non coñecía ''exactamente'' o que dixera Ocaña, Chaves insistiu en que o Executivo ''cumprirá os seus acordos cos sindicatos de funcionarios'', e matizou que a redución de custos quérese ''levar a cabo fundamentalmente en relación coa oferta publica de emprego''.

Con todo, o vicepresidente terceiro afirmou que ''sempre é posible unha modificación'' dos pactos se existe acordo cos sindicatos.

Acordos

O acordo para a Función Pública, que foi asinado no mes de setembro, contempla un incremento dos soldos do 0,3% para este ano 2010 e unha cláusula de revisión salarial que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2012.

Este pacto cos sindicatos, que afecta a 2,6 millóns de funcionarios en toda España, tamén fixaba unha taxa de reposición da oferta pública de emprego non superior ao 15%. É dicir de cada cen funcionarios que se xubilen, só se convocarán oposicións para 15 prazas.

Por outra banda, o Plan de Austeridade do Goberno para reducir o déficit, que pechou 2009 no 9,5% do PIB, contempla a redución dun 4% do capítulo destinado a persoal en 2013.

Comentarios