Cae a sinistralidade laboral en Galicia, pero crecen un 17% os accidentes graves

Galicia rexistrou un total de 18.738 accidentes laborais no primeiro semestre do ano, o que supón un descenso do 5,9% en comparación co mesmo período de 2009, á vez que os sinistros mortais reducíronse un 30,7%. Estes datos contrastan co incremento do 17,8% nos accidentes laborais de carácter grave, sobre todo na pesca.

Segundo as cifras facilitadas este domingo pola Consellería de Traballo e Benestar, a sinistralidade laboral en Galicia reduciuse entre xaneiro e xuño en todos os sectores salvo na pesca, que rexistrou un incremento do 10,9%. Pola contra, descenderon na industria (-9,1%), a construción (-8,1%), os servizos (-3,8%) e a agricultura, que rexistrou unha baixada do 3,7%.

Do mesmo xeito que en anos anterior, o sector servizos mantense como a actividade con maior cifra de accidentes no posto de traballo, algo que se explica por ser tamén o que rexistra maior volume de emprego en Galicia. No primeiro semestre contabilizou 7.794 accidentes, fronte aos 5.665 da industria, os 3.884 da construción, os 707 da pesca e os 688 da agricultura.

Outro dato positivo é o de sinistralidade con resultado de morte. Un total de 27 traballadores perderon a vida en Galicia no primeiro semestre do ano, o que significa unha importante redución do 30,7% en comparación cos 39 traballadores falecidos no mesmo período de 2009. O sector servizos volveu ser a actividade con peores cifras, ao contabilizar 10 dos 27 accidentes mortais.

En contraste, os datos facilitados pola Consellería de Traballo si revelan un significativo incremento dos accidentes laborais de carácter grave. Entre xaneiro e xuño rexistráronse 324 sinistros en Galicia, fronte aos 275 contabilizados o ano anterior, cunha subida do 17,8 por cento e un incremento destacado en pesca, industria e agricultura.

En todas as provincias

Os datos do departamento autonómico mostran tamén unha tendencia á baixa nas catro provincias galegas. O maior descenso produciuse en Pontevedra (-17,9%) e Lugo (-12,6%), mentres que na Coruña e en Ourense a caída foi do -7,5% e do -1,8%, respectivamente.

Comentarios