Brufau traspasa poderes en Repsol a Josu Jon Imaz

O expolítico vasco é un dos principais executivos do país tras deixar a política en 2007

Repsol completou este venres a adquisición da petroleira canadense Talisman e o deseño dunha novo organigrama directivo, no que o conselleiro delegado, Josu Jon Imaz, asume todas as funcións executivas e reparte o funcionamento da empresa en tres grandes comités, nos que sentan os directores xerais das principais áreas. Repsol explica que, con estes cambios, afronta o reto de converterse "nunha das maiores compañías privadas de oil and gas do mundo", e farao conforme "ás mellores prácticas internacionais do goberno corporativo".

O organigrama foi aprobado polo consello de administración a proposta do presidente, Antonio Brufau, e articúlase ao redor de tres órganos de máxima dirección, que serán o Comité Executivo Corporativo, o Comité Executivo de 'Upstream' (exploración e produción) e o Comité Executivo de 'Downstream' (refino e mercadotecnia).

Os obxectivos desta repartición de funcións son aliñar a estrutura organizativa coa nova carteira de activos de Repsol, dar resposta á súa maior escala global e potenciar a súa visión como empresa comprometida cos negocios sostibles.

Josu Jon Imaz, que foi conselleiro do Goberno vasco e líder do PNV, deixou a política en 2007 para se converter en presidente de Petronor, propiedade de Repsol, onde fixo carreira.

Comentarios