Beatriz Mato ficha pola firma de renovables Greenalia tras deixar a política

A incorporación da exconselleira á empresa podería chocar coa lei de incompatibilidades
Beatriz Mato. AEP
photo_camera Beatriz Mato. AEP

 Beatriz Mato volve á empresa privada tras abandonar a política o pasado decembro coa súa fichaxe pola empresa de renovables galega Greenalia. A que fose conselleira de Traballo e Medio Ambiente con Alberto Núñez Feijóo e despois portavoz do grupo municipal do PP coruñés incorpórase á compañía cotizada para ser directora de Desenvolvemento Corporativo e RSC. Tamén pilotará a fundación que creará a firma para apoiar "a transición enerxética, a inclusión e a igualdade".

O grupo —que pronto inaugurará en Teixeiro unha das maiores plantas de biomasa de España, ten unha fábrica en Oroso, parques eólicos e proxectos fotovoltaicos— valora o perfil de Mato para o posto. "Ademais de amplos coñecementos sobre as necesidades sociais do territorio, conta con contrastada experiencia nos novos modelos de bo goberno, unha esixencia cada vez maior na nosa sociedade", sinala.

A enxeñeira industrial nacida en Barakaldo deixou a Xunta en setembro de 2018 para aspirar á alcaldía da Coruña, polo que a súa fichaxe por Greenalia pode chocar coa lei de incompatibilidades. Esta di que, "durante os dous anos seguintes á data de cesamento", os altos cargos "non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolución". Desde a consellería, Mato tomou decisións relacionadas coa empresa. 

Comentarios