A Axencia Tributaria devolve 22 millóns en Galicia nos dez primeiros días da campaña da renda

Crece a cantidade abonada, pero baixa o número de contribuíntes aos que xa se pagou na comunidade

A Axencia Tributaria devolveu un total de 22,2 millóns de euros a 34.575 contribuíntes de Galicia nos 10 primeiros días da campaña telemática do IRPF correspondente ao exercicio 2015.

Estes datos representan un incremento do 24,5% por cento do importe devolto respecto ao mesmo período da campaña de 2014 (o aumento a nivel estatal é do 26,23%), posto que hai un ano eran 17,86 millóns. Con todo, hai un 8,6% menos de contribuíntes que recibiron a devolución de Facenda respecto ao número de 2014 (eran 37.828 fai 12 meses), unha caída máis acusada que a media de España (-4,22%).

Por delegacións da Axencia Tributaria en Galicia, o maior importe devolto na campaña da renda 2015 durante as súas 10 primeiros días foi A Coruña (10,9 millóns e aumento do 29%); Vigo (3,9 millóns, un 24,7% máis); Pontevedra (3,8 millóns, un 18,7% máis); Lugo (1,8 millóns, un 20,8% máis) e Ourense (1,6 millóns, un 14,34% máis).

Por contribuíntes, as devolucións chegaron a 16.239 contribuíntes da Coruña, 6.159 de Pontevedra, 5.846 de Vigo, 3.254 de Lugo e 3.077 de Ourense. Todos eles son menos que un ano antes.

DATOS ESTATAIS. A Axencia Tributaria devolveu máis de 518 millóns de euros a máis de 749.800 contribuíntes durante a primeira semana de campaña telemática do IRPF correspondente ao exercicio 2015, segundo o último balance da Axencia Tributaria (AEAT).

Tras 10 días de campaña, son case 1,6 millóns de contribuíntes os que presentaron a súa declaración, fronte aos 1,8 millóns do mesmo período do pasado ano. Ademais, ao redor de 3,7 millóns de contribuíntes navegaron polo novo sistema Renda Web.

A AEAT prevé que a presente campaña alcance os 19,7 millóns de declaracións, das que 14,6 millóns terán dereito a devolución, cun importe de 10.858 millóns de euros. Doutra banda, 4,2 millóns de declaracións sairán a ingresar, con 7.948 millóns de euros.

O prazo de presentación das declaracións finalizará o 30 de xuño, tanto para as que resulten a ingresar como a devolver. No entanto, nas declaracións a ingresar se se opta por realizar o pago mediante domiciliación bancaria o prazo de presentación abarcará ata o 25 de xuño. A campaña presencial comezará o 10 de maio, do mesmo xeito que a asistencia en oficinas.

Comentarios