O avión hipersónico voará de Londres a Nova Zelandia en 3 horas con selo galego

Un grupo de expertos da Universidade da Coruña (UDC) traballa no deseño do primeiro avión europeo que viaxará a 10.000 quilómetros por hora con 300 pasaxeiros

Recreación dunha aeronave hipersónica pola Axencia Espacial Europea.EP
photo_camera Recreación dunha aeronave hipersónica pola Axencia Espacial Europea.EP

Tres profesores e dous enxeñeiros do grupo de mecánica de estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade de A Coruña (UDC) levan 13 meses inmersos no deseño estrutural do primeiro avión hipersónico europeo que voará a oito veces a velocidade do son, isto é, a uns asombrosos 10.000 quilómetros por hora. A aeronave, que poderá transportar a 300 persoas, está chamada a ser a sucesora mellorada do Concorde, que era capaz de completar unha viaxe entre París e Nova York en tres horas e media, tiña capacidade para 144 pasaxeiros e operou por última vez o 24 de outubro de 2003, principalmente polo seu elevado custo de fabricación e mantemento.   

Financiado pola UE, no proxecto Stratofly traballa un consorcio no que participan grupos de investigación de Francia, Italia, Alemaña, Holanda, Suecia e España. O labor do grupo coruñés é dimensionar e optimizar a estrutura do aparello para que sexa estable, "minimizando o material a utilizar para reducir o peso, a clave para que un avión voe cun gasto de combustible eficiente", como constata o catedrático da UDC Santiago Hernández. A idea é que a aeronave sexa capaz de cubrir 20.000 quilómetros en tres horas, isto é, a metade do perímetro da terra, o equivalente a viaxar de Londres a Nova Zelandia. O responsable do grupo interveu este xoves no III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial, organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) en Santiago. 

O Concorde voaba a dúas veces a velocidade do son; o hipersónico irá catro veces máis rápido e terá máis autonomía

En declaracións a AGN, explicou que esta proeza da enxeñería, que estará operativa en dez anos,  voará na estratosfera a uns 30 quilómetros de altitude, cando agora unha nave convencional opera a 10. A fase de deseño concluirá a finais de 2020 e, a continuación, abriríase unha segunda parte do proxecto Stratofly na que se realizará unha definición "máis detalladaSantiago HerÅ?ández, da UDC, e Enrique Mallón, do Consorcio Aeronáutico Galego" do avión. Entón poderían sumarse xa os grandes fabricantes a un proxecto que pode traer oportunidades á industria galega. 

En canto ao impacto nos pasaxeiros que suporá esta revolución na forma de viaxar, o catedrático explica que a experiencia do viaxeiro será idéntica á actual. "A presión no interior do avión seguirá sendo a equivalente a estar a 1.500 metros de altitude, isto é, como cando subimos a Pena Trevinca". Hernández incide en que a misión encomendada á UDC é "crucial", pois consiste en deseñar un avión seguro "utilizando a cantidade de material necesaria". "A aviación é o medio de transporte máis seguro, pois a probabilidade de sufrir un accidente é 70 veces menor á de que toque o Gordo de Nadal", sostén o experto.

Galicia mira á industria azteca
Trens de aterraxe, portas, partes do fuselaxe e sistemas de comunicación son algunhas das achegas da industria galega ao sector aeronáutico. Unhas 40 compañías da comunidade producen pezas para xigantes da talla de Embraer, Airbus ou Boeing. Cunha facturación de 130 millóns e 1.200 empregos directos, o ecosistema galego estuda o exemplo do estado mexicano de Querétaro, cuxa industria crece a un ritmo de dous díxitos en facturación e conta con empresas con máis de 1.000 traballadores. "Queremos estreitar relacións co Aeroclúster de Querétaro", explicou o presidente do CAG, Enrique Mallón.
 
O dron Targus de Rozas
O foro tamén serviu a Indra para avanzar que a finais de 2019 iniciará as súas probas de voo o dron Targus, desenvolvido no polo de Rozas. No evento, o conselleiro de Economía destacou que o complexo de Castro de Rei impulsou xa a creación de 400 empregos.

Comentarios