Amelia Pérez: "É hora de romper o teito de cristal; o século XXI é o século das mulleres"

Foi a primeira muller en dirixir o sindicato en Vigo e está chamada a cumprir outro fito no 12 Congreso Nacional de CC OO, o de converterse na primeira en tomar as rendas dun sindicato de clase en Galicia ► A moañesa reivindica un xiro nas políticas para "poñer a clase obreira no centro". 
O secretario xeral saínte de CC OO, Ramón Sarmiento, e a candidata a sucedelo, Amelia Pérez, en Santiago. XOÁN REY (EFE)
photo_camera O secretario xeral saínte de CC OO, Ramón Sarmiento, e a candidata a sucedelo, Amelia Pérez, en Santiago. XOÁN REY (EFE)

Logo de 22 anos afiliada a Comisións Obreiras (CC OO), Amelia Pérez (Moaña, 1970) tomará o relevo de Ramón Sarmiento na secretaría xeral da central. Tras catro anos á fronte da organización, o seu predecesor renunciou onte a presentar a súa candidatura para un segundo mandato ao constatar unha perda de apoio. Nai dun neno de sete anos, Pérez foi dende o 2012 secretaria xeral do sindicato en Vigo e dirixiu por 19 anos o primeiro comité de empresa de Zara en Galicia, o da provincia de Pontevedra.

Todo indica que se vai converter na primeira muller en dirixir un sindicato de clase en Galicia. Ía sendo hora?

Creo que si. Vai sendo hora de que eses teitos de cristal se vaian rompendo. O século XXI é o século das mulleres. Xa houbo grandes manifestacións a partir do 2018 que marcaron fitos, aínda que antes o feminismo tamén se mobilizara. Para as feministas é un plus. Primeira muller secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia e dun sindicato, porque ningunha das outras organizacións tivo unha secretaria xeral a nivel galego.

Con que retos asumirá o cargo? 

Os desafíos son moitos, coa situación económica e social que temos como consecuencia da pandemia. Tamén están os retos que temos enriba da mesa no tocante ao cambio de ciclos produtivos, de paradigmas sociais e coa transición enerxética. Pero non son uns desafíos que eu teña que afrontar; ten que afrontalos a organización, as Comisións Obreiras teñen músculo de sobra. Tócanos seguir organizando a clase obreira para enfrontar e disputar a riqueza.

Que liñas vermellas considera que lle hai que marcar ao Goberno central?

No centro das políticas teñen que estar as persoas e a clase obreira. De feito, levamos mobilizándonos dende febreiro para reclamar un incremento do salario mínimo interprofesional e a derrogación da reforma laboral e a de pensións. Vai seguir sendo esa a nosa premisa, que se mire para a clase obreira.

En Galicia é básica a defensa da industria, do público e de que os proxectos que opten a fondos da UE sexan serios

A nivel galego, que reivindicacións se trasladarán á Xunta?

Exactamente o mesmo. As reivindicacións non teñen nada que ver coa cor política da administración, senón cos nosos principios básicos, que son a defensa dos intereses de clase. Evidentemente, como organización sociopolítica imos condicionar a saída da crise e as decisións que se tomen a futuro en calquera dos ámbitos da administración.

No caso galego, ven necesario trazar medidas para intentar paliar a crise industrial...

Levamos tempo demandando unha implicación real coa política industrial de Galicia por parte da Xunta e unha defensa dos servizos públicos, que son os garantes da igualdade. Ao final, en todas as políticas que se adoptan no ámbito galego hai tres cuestións básicas: a defensa da industria, do público e, nos tempos que se aveciñan, que os proxectos que se poñan enriba da mesa para concorrer aos fondos europeos Next Generation sexan serios, solventes e rigorosos.

No tocante á relación coa CIG e UGT. Nestes tempos, conviría procurar a unidade de acción?

A unidade da clase obreira sempre é importante, pero todos somos conscientes de que a unidade sindical dos tres en Galicia, polo menos nestes intres, non é posible. Temos trazada unha unidade a nivel confederal coa UGT. Máis alá das relacións persoais que poidan existir, pois eu en Vigo tiña moi boa relación tanto co secretario xeral de UGT como co da CIG, en ámbitos de actuación a nivel xeralizado, non o vexo. Á marxe queda o feito de que no día a día dos conflitos nas empresas si se poidan articular eses acordos en momentos de mobilización ou folgas. Con todo, é certo que a maioría da cidadanía non entende que vaiamos por separado ante conflitos trascendentais. Xa di o dito que a unidade fai a forza.

Baixo a xestión de Sarmiento, a central gañou afiliados. Que retos se fixa neste punto?

A afiliación non está relacionada coa xestión do sindicato nacional. Faise por parte das federacións e dos territorios e marca unha tendencia ou outra en función da situación do mercado de traballo e doutras variables que poden incidir. Nos últimos tempos houbo un incremento da afiliación, igual que no periodo do 2010 sufrimos un descenso importante pola crise financeira.

Como se leva a actividade sindical co papel de nai?

Para iso hai que organizarse e planificar o traballo. Non podemos estar pedindo nas empresas medidas de conciliación e no sindicato non aplicalas. Hai que saber conxugar as responsabilidades coa familia. 

Comentarios