Amancio Ortega compra un hotel en Chicago por 64,8 millóns

A cadea española Eurostars Hotel xestionará este establecemento

Amancio Ortega. AEP
photo_camera Amancio Ortega. AEP

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, continúa cos seus investimentos inmobiliarios en Estados Unidos e comprou un hotel en Chicago por 72,5 millóns de dólares (64,7 millóns de euros), segundo informaron fontes coñecedoras da operación.  En concreto, o empresario galego, a través da súa firma de investimento Pontegadea Inmobiliaria, adquiriu o hotel Eurostars Magnificent Mile, recentemente incorporado á cadea española, e que con anterioridade operaba de forma independente baixo o nome Dana Hotel&Spa. 

Así, a cadea española Eurostars Hotel xestionará a propiedade e xa a está comercializando na súa páxina web, segundo adiantou a publicación Crain's Chicago Business. 

O hotel, que abriu as súas portas en 2008 cun custo de 60 millóns de dólares (53,5 millóns de euros), conta cun total de 216 habitacións, polo que o empresario galego desembolsou 336.000 dólares (300.103 euros) por cada dunha delas. 

Pontegadea adquiriu o hotel a unha empresa liderada por Eugene Kornota e Anthony Klok, promotores de Chicago, onde Amancio Ortega xa posúe o Esquire Theatre en Oak Street e unha propiedade comercial na avenida Michigan, entre cuxos inquilinos figuran Tiffany e Ralph Lauren. 

A finais de marzo, o fundador de Inditex converteuse no caseiro de Amazon, tras pechar a compra de parte da sede central do xigante do comercio electrónico en Seattle, nunha operación valorada finalmente en 740 millóns de dólares (655 millóns de euros). Ata agora, é a súa maior compra en Estados Unidos e a segunda maior da súa historia, logo da realizada o pasado verán en Londres. 

Comentarios