Alianza para producir enerxía a partir de residuos dun matadoiro en Silleda

Norvento, Ecolagunas e Foresga dotan a Frigoríficos Bandeira dunha planta para valorizar restos orgánicos e augas residuais
Recreación de la planta de biogás de Frigoríficos Bandeira.EP
photo_camera Recreación da planta de biogás de Frigoríficos Bandeira.EP

Frigoríficos Bandeira impulsará con sNorvento, Ecolagunas e Foresgal unha planta innovadora de biogás que permitirá valorizar anualmente máis de 48.000 toneladas de restos orgánicos do matadoiro e depurar 65.000 metros cúbicos de augas residuais xerados na industria cárnica. O proxecto, que requirirá un investimento duns 3 millóns de euros, permitirá xerar 11.500 megawatts/hora (MWh) anuais de biogás destinado á produción de enerxía térmica e eléctrica para autoconsumo da empresa.

O complexo integrará un sistema de humidais con aireación forzada, isto é, unha sorte de ecolagoas con capacidade para tratar máis de 65.000 metros cúbicos de augas residuais ao ano, reducindo en máis dun 95% os niveis de contaminantes e garantindo o cumprimento dos cocientes fixadas polas ordenanzas municipais e por Augas de Galicia.

O sistema de humidais, que se desenvolverá nas inmediacións da compañía de Silleda, servirá para tratar o dixestato procedente da planta de biogás.

Segundo avanzan os promotores, as estimacións indican que a planta de biogás evitará emisións de gases de efecto invernadoiro nunha cantidade equivalente a 28.500 toneladas de CO2, ao reducir o consumo de gas natural procedente de combustibles fósiles.

Sistema de humidais.EP

Actualmente, está en fase final a pilotaxe experimental, o que permitirá perfeccionar a operación da instalación. As obras arrincarán nos próximos meses, unha vez obtidos os permisos das administracións.

INGENIERÍA GALEGA. O proxecto é froito da colaboración da lucense Norvento, especializada en enerxías renovables; a consultora en xestión de ciclo integral da auga mediante sistemas naturais Ecolagunas, e Foresga, cuxa actividade se centra na enxeñería e construción nos ámbitos ambiental e agro-forestal.

A directora xeral de Frigoríficos Bandeira, Isabel Martínez Cochón, destaca que o proxecto "acredita" o compromiso "por promover un sector cárnico que vela por un modelo produtivo sostible e respectuoso co medio ambiente". A executiva incide en que a factoría "espera cubrir unha elevada porcentaxe" das súas necesidades con enerxía renovable "xerada nas instalacións e dar unha resposta integral e competitiva aos subproductos" que xera o matadoiro, dedicado ao sacrificio e despezamento de gando bovino. A iniciativa enmárcase nos obxectivos a medio e longo prazo da firma de cara a mellorar as súas instalacións apostando "pola sustentabilidade e a redución da pegada ambiental".

Con presenza en diversos países, Norvento conta hoxe con máis de 250 MW de plantas de xeración renovable en explotación, outros 750 MW desenvolvidos e máis dun milleiro en proceso.

Comentarios