Abel Caballero reitera que a entrega de remanentes é voluntaria

O presidente da FEMP defende o acordo alcanzado entre o Goberno e o órgano municipalista ante as críticas do PP
Abel Caballero.EFE
photo_camera Abel Caballero.EFE

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, insistiu este martes en defender o acordo alcanzado entre o órgano municipalista e o Goberno de España para a entrega de remanentes das entidades locais, que serán devoltos en forma de transferencias nos próximos anos, e volveu a recalcar que a aplicación do acordo é "voluntaria" para os concellos, á vez que censurou as críticas de partidos como o PP, sen expor ningunha alternativa. 

Nunha rolda de prensa celebrada no Concello olívico, Caballero reiterou que se trata dun "bo acordo" porque permitirá o uso deses remanentes, así como a percepción de 5.000 millóns procedentes do Goberno "a fondo perdido e sen devolución", que poderán ser investidos polas entidades locais a partir de setembro, ademais doutras vantaxes. 

A ese respecto, o presidente da FEMP precisou que non é o actual Goberno o que se incauta dos aforros municipais, senón que "a incautación era a do PP", que co seu lei orgánica de 2012 impide o uso deses remanentes. 

Segundo sinalou, o acordo alcanzado entre a Federación e o Goberno non só contempla as propostas que o PP expuxo ante a Comisión da Reconstrución do Congreso, senón que as multiplica" con beneficios adicionais, como a atención aos municipios en dificultades financeiras ou o fondo de transporte de ata 400 millóns de euros. 

Ademais, Abel Caballero insistiu en que a adhesión ao pacto "non é obrigatoria" e que os concellos poderán optar por recurrir a superávit, á entrega de remanentes ou "combinar" os dous sistemas. "é un acordo extraordinariamente respectuoso coa autonomía local", proclamou e engadiu: "O que crea que non debe entregar os seus remanentes, que non os entregue, faltaría máis".

RESPOSTA ÁS CRÍTICAS DO PP. Con respecto ás críticas do PP e, en concreto, á concentración de alcaldes e cargos do PP de Galicia (celebrada nas últimas horas ante o consistorio olívico), Caballero lamentou que os populares estiveron en Vigo "para insultar ao seu alcalde", pero "sen dar nin un só argumento nin unha soa razón", e sen expor alternativas legais. 

"Hai que preguntarlle ao PP por que non quere que os concellos que o desexamos podamos gastar os nosos remanentes", afirmou o alcalde de Vigo, que tamén cuestionou "por que se opoñen a un acordo que contempla o que eles pediron". 

Segundo incidiu, "eles terán que explicar por que propoñen algo e, cando aparece un acordo que o contempla e multiplícao, con propostas optativas, din que non". 

Finalmente, o presidente da FEMP volveu ha recalcar o "vantaxoso" do pacto e, tras o anuncio de que o Executivo cubrirá os intereses se son negativos, estimou que a devolución aos concellos "vai superar o 150%".

OPERACIÓN POLÍTICA DO PP. Por outra banda, e nunha entrevista á Cadea Ser recollida por Europa Press, o presidente da FEMP referiuse á ofensiva do PP contra o acordo entre o Goberno e a agrupación municipalista, suxerindo que se trata dunha "operación política" por parte da formación que lidera Pablo Casado. 

Así se pronunciou sobre as mobilizacións que está a preparar o PP en agosto e setembro contra o acordo. "Non haberá un pouco de operación política do PP nisto?", preguntouse Abel Caballero. 

Comentarios