Abanca pecha a primeira emisión de bonos AT1 de 2021 con sobredemanda

A entidade xerou unha demanda de máis de 2.100 millóns para unha emisión de 375
Oficinas de Abanca en la avenida Arcadio Pardilas de Burela DV
photo_camera Oficinas de Abanca na avenida Arcadio Pardilas de Burela. DV

Abanca pechou este xoves os termos económicos para a primeira emisión de bonos AT1 do ano por importe de 375 millóns de euros, con sobredemanda, informa a entidade.

A emisión, explica o banco galego nun comunicado, xerou unha demanda de máis de 2.100 millóns de euros, cantidade que supón 5,7 veces o importe da emisión, e foi colocada na súa totalidade en tres horas aproximadamente, entre investidores institucionais principalmente europeos.

A pesar do contexto económico, a remuneración fixouse nun 6 %, un tipo de interese 150 puntos básicos inferior ao rexistrado na anterior emisión deste tipo de débeda realizada por Abanca.

Os títulos emitidos teñen a categoría de Capital Adicional de Nivel 1 (AT1 en inglés).
Adicionalmente, a emisión permite a Abanca cubrir todo o colchón de débeda deste tipo solicitado polos reguladores e avanzar no cumprimento da nova normativa europea de requirimento mínimo de fondos propios e pasivos admisibles (MREL polas súas siglas en inglés).

Tras esta colocación, Abanca asegura que diversifica o seu capital segundo o previsto no seu plan estratéxico e fortalece o seu cociente de capital —situado en 16.4 % en setembro de 2020 en máis de 120 puntos básicos, ata alcanzar o 17,6 %.

Comentarios