Abanca lanza os seus primeiros seguros propios

A filial aspira a multiplicar por cinco os ingresos da división de seguros, ata os 500 millóns en 2024
Abanca Seguros. EP
photo_camera Abanca Seguros. EP

Abanca redobra a súa aposta polo negocio de bancaseguros coa comercialización dos seus primeiros produtos propios. A súa filial Abanca Seguros Generales —en joint-venture ao 50% con Crédit Agricole Assurances— iniciou hai un mes a comercialización das súas primeiras pólizas de automóbil, en tanto que hai unha semana que está dispoñible unha cobertura integral de vida e protección de pagos para garantir o abono de obrigacións como a hipoteca ou os créditos contratados en caso de falecemento, hospitalización, desemprego ou incapacidade temporal.

O obxectivo inicial é que esta nova división achegue ao grupo ingresos por valor de 500 millóns de aquí a 2024, como marca o plan estratéxico do banco. Así o indicou o director xeral de Abanca Seguros, Álvaro García Diéguez, que debullou os detalles do proxecto este mércores en Santiago.

En 2020, la comercialización de pólizas xa xerou un volume de negocio de 103,7 millóns de euros tras crecer un 23% desde 2016. En total, o aforro xestionado alcanzou os 2.986 millóns de euros, con 457.182 clientes, 809.804 pólizas e 251 millóns de euros de facturación de curmás de seguros, con operacións duns 300 euros de media. Nun escenario no que as ganancias do negocio puramente bancario vese tensionadas polos baixos tipos de interese e pola crise, Diéguez destacou que a rendibilidade da área aseguradora "está a ser moi boa en xeral na industria", cun ROE —cociente que pon en relación os beneficios obtidos cos recursos consumidos— que, no caso de Abanca, supera o 21%.

En 2020 a comercialización de pólizas xerou 103 millóns

A carteira de pólizas ampliarase este ano con produtos orientados para autónomos e pemes e cun novo seguro de vida. En 2022, Abanca Seguros lanzará "o resto de produtos de familia", incluídas coberturas de saúde, decesos e fogar, segundo referiu Sonia Lucio, directora comercial da unidade.

6.000 PÓLIZAS DE AUTO NUN MES. Nun mes, o grupo comercializou unhas 6.000 pólizas de auto, un produto que, do mesmo xeito que o seguro de vida e protección de pagos, pódese contratar xa nas 670 oficinas en España (468 en Galicia) e por teléfono e que, "proximamente" estará dispoñible online e na banca móbil.

De face aos usuarios, García Díéguez indicou que, ao axuntar as tres facetas: financeira, de medios de pago e a vertente aseguradora, haberá sinerxías e vantaxes claras para o cliente", de tal forma que se ofrecerán "primas máis competitivas" a aqueles que teñan "máis relacións financeiras" con Abanca.

A entidade completa así a transformación que emprendeu en 2018 no campo dos seguros e que deu froitos como a refundación de Abanca Vida e Pensións, a filial a través da que xestiona seguros de vida e plans de pensións de clientes.

60 TRABALLADORES E PLATAFORMA PROPIA. Con sede en Galicia e autorización para operar desde o pasado novembro, Abanca Seguros Xerais dispón de 60 traballadores e creou unha plataforma de contratación propia "cunha visión de 360 graos do cliente" e que brinda asesoramento. Ademais, tamén ofrece un servizo de tramitación de sinistros "áxil e directo e sen intermediarios", cun único axente que atenderá por teléfono ao usuario afectado desde a comunicación ata o peche da incidencia.

A creación desa plataforma "pioneira", denominada Paso, permitirá ao cliente xestionar trámites como a simulación, a contratación dunha póliza ou de coberturas adicionais e a tramitación de sinistros a través de calquera canle. Isto é, tanto desde a oficina, o móbil, o computador ou o teléfono fixo. Ademais, a compañía ha reformulado os contratos para que a documentación sexa "clara, transparente" e de fácil comprensión.

Abanca dispón dunha tarifa plana para fraccionar o pago en doce meses

Con estes produtos propios, ademais de ter dispoñible a tarifa plana para fraccionar o pago en 12 meses, o usuario poderá optar polo pago por uso coa opción ON-OFF, que permite activar ou desactivar coberturas determinadas. Así, por exemplo, quen teña unha póliza de automóbil poderá engadir protección para unha mascota o día que a leve abordo, coberturas adicionais para unha viaxe ou para un patinete eléctrico, por exemplo.

En canto ao seguro de vida e protección de pagos, o grupo prevé incorporar a esta oferta modalidades para asegurar o pago de débedas en cartóns, préstamos preconcedidos e tarjetizados.

LUíS MOYA, IMAXE DE CAMPAÑA. Como prescriptor para esta nova etapa, que nos próximos días darase a coñecer nos medios cunha campaña de lanzamento, Abanca conta co copiloto de rally Luís Moya. En rolda de prensa, o coruñés, que foi dúas veces campión do mundo de rally xunto a Carlos Sainz, afirmou sentirse "ilusionado" co proxecto ao impulsalo "un banco galego". 

Comentarios