Xabier Fortes únese aos Deportes de El Progreso os luns

ELP3008P55F2-001.JPG
photo_camera ELP3008P55F2-001.JPG

O xornalista galego Xabier Fortes únese a El Progreso como columnista da sección de Deportes no curso que se inicia o vindeiro luns, día 2 de setembro. Cada luns, Fortes escribirá sobre cuestións deportivas nas páxinas deste xornal. O xornalista de Televisión Española únese así ao grupo de columnistas que colaboran con El Progreso para ofrecer unha visión particular do deporte que resulte atractiva para os lectores .

Xabier Fortes (Pontevedra, 1966) traballa na delegación en Galicia de Televisión Española, a cuxo consello de informativos pertence desde xaneiro deste ano. En 2011 foi nomeado director e presentador de ‘La noche en 24 horas', informativo nocturno da canle 24 horas de TVE no que se labrou unha popularidade a nivel nacional da que xa gozaba en Galicia. O 4 de agosto de 2012, o propio Fortes anunciou en twitter que non continuaría co programa.

Xabier Fortes é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. No ano 1988 realizou os seus primeiros traballos xornalísticos en Radio Nacional de España, en Vigo. No ano 1990 incorporouse a Televisión Española en Galicia, primeiro á delegación de Pontevedra e desde 1998 á de Santiago, onde empezou a traballar como editor e presentador de informativos territoriais.

Xabier Fortes presentou e dirixiu todos os debates, espazos de entrevistas e programas especiais relacionados coas distintas convocatorias electorais galegas ata que no ano 2007 foi nomeado director do Centro Territorial de TVE en Galicia.

Á marxe da televisión, o medio no que maiormente se labrou a súa carreira profesional, Fortes dirixiu doce documentais de temática variada, algúns deportivos (‘Os anos do Hai que roelo') e outros de corte social e divulgativo, como a serie ‘As illas do sur' (unha expedición científica polas illas de Rías Baixas). O seu último documental ata o momento, ‘Galicia no espello do tempo', é un repaso ás últimas catro décadas de historia de Galicia.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios