Coa vista no retrovisor

O Lugo fixa a mirada na zona de descenso, da que lle separan seis puntos, tras a súa derrota ante o Celta B. Os branquivermellos visitan o domingo o campo do Barça B, segundo clasificado
Willy Ledesma, pichichi del Lugo con 9 tantos, en una acción ante el Sestao River. SEBAS SENANDE
photo_camera Willy Ledesma, pichichi del Lugo con 9 tantos, en una acción ante el Sestao River. SEBAS SENANDE

A derrota ante o Celta B (4-1), a terceira consecutiva, supuxo que o CD Lugo teña claro cal é o seu obxectivo de face ao final de tempada. A entidade branquivermella afronta nas seis xornadas que restan en Primeira RFEF un reto nas antípodas do ascenso de categoría. Loitar por evitar a zona de descenso, da que lle separan seis puntos con quince en xogo, é o único horizonte que otea nunha tempada aciaga que xa se cobrou o traballo de tres adestradores.

O conxunto que dirixe Roberto Trashorras debe fixar a súa mirada no retrovisor e permanecer atento se non quere levar un desgusto aínda maior.

E é que o camiño que lle resta ao equipo lucense non é precisamente de rosas. Espinado máis ben. Coa mente aínda no tropezo en Balaídos, debe afrontar un novo partido a domicilio e fronte a outro dos claros aspirantes a disputar a fase de ascenso, o Barcelona B, que marcha segundo. Un equipo que, do mesmo xeito que o seu último verdugo en Liga, está formado por mozas con calidade e presenta unha eficacia goleadora temible no seu estadio.

O seu dianteiro centro titular, Pau Víctor, leva anotados 16 goles, unha cifra que deixa ás claras quen é o auténtico estilete en ataque do equipo que dirixe o mexicano Rafa Márquez, quen xa sabe o que é puntuar ante o CD Lugo, tras sumar un empate (1-1) no partido correspondente á primeira volta, disputado no estadio Anxo Carro.

O Barcelona B chega co coitelo entre os dentes logo de empatar co Arenteiro (1-1) e caer no campo do Unionistas de Salamanca (4-1), o que fixo que perdese o ronsel do líder Deportivo, seis puntos por diante.

Rivais

O resto de equipos da zona media tampouco poden durmirse nos loureiros porque a igualdade da competición non permite a relaxación dos seus participantes.

O Lugo ocupa a novena praza na actualidade con 40 puntos, igualado coa Real Socieadad B, que do mesmo xeito que lle ocorreu aos albivermellos caeu en desgraza durante a segunda volta e abandonou os postos de honra cun refacho aciago de catro xornadas sen vencer.

Xusto por detrás e con só un punto menos, 39, sitúase o equipo milagre da categoría, o Tarazona. Os aragoneses abandonaron recentemente a zona de descenso logo de encarrilar unha serie de catro vitorias ante rivais da categoría da Ponferradina (2-0), o Celta B (1-0) e o Nástic (0-1), unha lista de vítimas entre as que tamén se atopa o Lugo (0-1).

Unha serie positiva pódelle levar a adiantar aos de Trashorras na próxima xornada se estes non vencen na Cidade Condal e eles vencen. A dous puntos dos albivermellos sitúase o Fuenlabrada, con 38, e a tres o Osasuna B e o Sestao River, con 37.

Comentarios