Vicente Sanchís: "Fun o primeiro sorprendido ao cortarse o himno"

O delegado da FEB di que el non ordenou que se interrompese a interpretación, do que o responsabiliza o Básquet Coruña

O comisario da Federación Española de Baloncesto presente no encontro que o pasado domingo disputarán o Leyma Coruña e os Cafés Candeas Breogán, Vicente Sanchís, nega rotundamente que el dese a orde de interromper o himno galego. O Básquet Coruña fixo público na tarde do domingo un comunicado no que o responsabiliza da súa interrupción e, ademais, mostraba a súa repulsa por esa decisión.

O excolegiado explicou este luns a este diario que en ningún momento interveu nin falou "con ninguén respecto diso" e recordou que a tempada pasada "estiven nos partidos de play off entre o Breogán e o Ourense e non houbo ningún problema".

Vicente Sanchís relatou así o sucedido: "O venres –referíndose ao primeiro encontro da serie– cando cheguei non sabía que se ía a interpretar o himno galego. Foi o árbitro o que me como comunicou. O speaker do Coruña, que inicialmente non sabía nada, preguntoume cal era o protocolo a seguir. Díxenlle que o normal era que se interpretase tras a presentación dos xogadores. Díxome que a duración do himno era de sete minutos e comenteille que parecía excesivo e a ver se o podía deixar en dous ou tres minutos, como así foi".

O comisario de mesa, que reside en Galicia desde fai 24 anos, seguiu explicando que no encontro do domingo "preguntei ao delegado do Coruña se ía haber himno e díxome que se ía a proceder igual que o venres. E aquí acábase todo. Eu fun o primeiro sorprendido cando vin que se cortaba o himno". Sanchís entende que el non é "ninguén para prohibir ou interromper o himno de Galicia".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios