miércoles. 20.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 20.11.2019
El tiempo

Unha luz e tres sombras

Úriz entra a canastra no partido ante o Obradoiro. X. CORTIZO (ACB PHOTO)
Úriz entra a canastra no partido ante o Obradoiro. X. CORTIZO (ACB PHOTO)

A recuperación de Ricardo Úriz foi a nota máis positiva do encontro que o Breogán xogou en Santiago. O equipo lucense bota de menos a achega de Cvetkovic, Millsap e Redivo

A xornada na que se renovou a liga Endesa deixou distintas sensacións, sobre todo entre os equipos chamados a loitar pola permanencia e para o Cafés Candelas Breogán, desde logo, non foron precisamente boas.

Así, o conxunto lucense deixou claro no derbi galego que non deu máis pasos adiante, con respecto ás anteriores xornadas, que o que significou os bos minutos de Ricardo Úriz. Nun partido gris, o equipo lucense dispuxo dunha última posesión para gañar -despois de que o rival se deixara remontar 16 puntos nos oito minutos finais- pero antes dera mostras da súa debilidade.

Así, e pesar do traballo de Gerun e Brown o equipo lucense segue mostrando unha importante limitación no xogo interior. No partido do sábado, o Obradoiro fixo 42 puntos na zona breoganista por 26 do conxunto lucense na do seu rival. No partido da primeira volta, o Breogán anotara 34 puntos baixo o aro do Obradoiro e estes quedáronse en só 16. A diferenza fala por si soa. A esperanza do conxunto lucense de paliar esta debilidade pasa pola recuperación de Norel, que en principio podería debutar nun par de xornadas ante o Gipuzkoa, aínda que queda por comprobar, se isto se produce, ata que punto estará en condicións para axudar ao equipo.

Outro aspecto preocupante é que o conxunto breoganista, lonxe de recuperar xogadores para a causa -feita a excepción de Úriz polo visto ante o Obradoiro-, parece ir perdendo adeptos. Son os casos de tres xogadores que estaban chamados a ser determinantes e que nas últimas xornadas quedaron á marxe de accións positivas para o seu equipo.

Singular parece o caso de Alexandar Cvetkovic. O serbio foi inamovible no quinteto titular nas 17 xornadas da primeira volta. No ecuador da competición o xogador breoganista era todo un referente na anotación, de feito era o segundo xogador -tras Vasiliadis- con máis triplos anotados (38 naqueles momentos con case un 44% de acerto). Nas catro xornadas que levan disputadas da segunda volta, e tendo en conta que en Zaragoza non xogou, non volveu aparecer no equipo titular e o seu rendemento e acerto descendeu de forma notable. De feito, no que vai de segunda volta, só logrou cinco triplos de 19 lanzamentos.

Outro caso singular é do de Elijah Millsap. Case sen experiencia en Europa, era comprensible que a súa adaptación non fose fácil. Con todo, sorprendeu en certo xeito nos primeiros partidos nos que se mantivo en cancha unha media de 21 minutos, anotando 17 puntos ante Fuenlabrada, 9 a Gipuzkoa, 11 fronte ao Barça e 9 contra o Valencia. No seguinte encontro, ante o Manresa só estivo en cancha seis minutos, mentres Lezkano aseguraba ao termo do encontro que outros xogadores "merecen xogar máis ca el" e que tiña "que cambiar o chip". Desde ese momento, Millsap non deu máis que pasos atrás en canto a rendemento. Perdido e desacertado, case todas as súas decisións nos últimos encontros son erróneas.

O arxentino Lucio Redivo conta, polo menos ata agora, con máis confianza por parte dos técnicos. Pero nin mellorou en defensa nin está a ser o dinamizador ofensivo que o equipo necesita.

Unha luz e tres sombras
Comentarios