Unha final inconvinte

O Cafés Candelas Breogán disputa a final da Copa Galicia ante o Obradoiro en Marín

Cvetkovic avanza ante Llovet en el Breogán-Obradoiro del sábado. J.VÁZQUEZ
photo_camera Cvetkovic avanza ante Llovet no Breogán-Obradoiro do sábado. J.VÁZQUEZ

O Breogán e o Obradoiro repetirán un enfrontamento que será moi diferente ao vivido hai catro días. Se o pasado sábado xogaron un derbi en competición oficial, na elite do baloncesto español, esta noite (21.00 horas, TVG 2) en Marín farano na final da Copa Galicia nun momento delicado para ambos polas baixas que acumulan os dous equipos e a proximidade da xornada da ACB.

Co duelo ante o Ucam en Murcia no horizonte (sábado, 18.00) e a mente posta na súa primeira vitoria lonxe do Pazo, o Breogán debe afrontar un compromiso que sempre se quere gañar ante o peor rival posible, pero buscando minimizar os riscos en forma de lesións e dun impacto físico para o sábado.

"Vai ser un partido moi diferente. O do sábado foi un partido de Liga con todos os ingredientes que tiña un duelo desas características e unha boa preparación. Este é un partido no que ningún dos dous vai tomar máis riscos dos necesarios e que aproveitaremos para repartir un pouco os minutos. Non creo que ningún dos dous equipos prepare este partido. Estamos a centrarnos máis no verdadeiramente importante, que é a competición da ACB", destacou o adestrador do Breogán, Natxo Lezkano.

"Creo que a nivel táctico será diferente porque tamén haberá xogadores diferentes. Nós non imos preparar nada para ese partido, senón que estamos máis centrados no partido de Murcia que no de Obradoiro", engadiu.

O Breogán non contará cos tocados Alec Brown e Sulejmanovic nin cos lesionados Tarence Kinsey, Ricardo Úriz e Henk Norel nun duelo de mínimo risco. "Quero acabar o partido cos mesmo xogadores cos que o empecei", declarou Lezkano. "Non me gustaría que fose un partido amigable e si o máis serio posible, pero é certo que non imos tomar ningún risco e os xogadores que están tocados ou que veñen sufrindo doenzas nos últimos partidos non van xogar", dixo o técnico vasco, quen asegurou que Salva Arco "igual pode xogar algún minuto mañá (por este mércores)".

Tamén podería xogar Yankuba Sima, quen chegou a Lugo "con bo ánimo, disposto a axudar, adestrar duro, sacrificarse. Véxoo bastante ben".

O Breogán chega á final da Copa Galicia tras o seu triunfo ante o Obradoiro na ACB . "Logo de gañar sempre estás mellor. Estamos a tratar de recompornos a nivel físico. Pasounos factura o tema da lesión de Kinsey e a recaída de Alec Brown, que non adestrou estes días e probablemente non xogue. Estamos centrados no seguinte compromiso, máis aló do duelo ante o Obradoiro, que é o de Murcia".

"É un partido que nos vén moi mal. É unha viaxe, aínda que curta porque son dúas horas, que se xoga ás nove e chegaremos de madrugada. Practicamente amólache o día seguinte, que é o máis importante que temos porque o venres viaxamos a Murcia, que é un partido importante. Non ter moitas rotacións tampouco nos vai axudar. A semana seguinte tería sido mellor", dixo Lezkano.

Comentarios