Un problema de saúde obriga a Marcos Vázquez a abandonar o Club Lemos

O actual adestrador do Lemos, Marcos Vázquez, abandonará o banco do equipo monfortino por indicación médica o vindeiro domingo, despois do partido que o seu equipo disputará no campo do Castro.

O mozo técnico ourensán sufriu o pasado mes de outubro un desmaio e tivo que ser hospitalizado por problemas cardíacos, algo que volveu repetirse o pasado día 31, cando de novo tivo que ingresar en urxencias na cidade das Burgas.

Marcos Vázquez agradeceu todas as mostras de ánimo que estaba a recibir. "Xunto á miña familia tomei esta dolorosa decisión, e por uns meses deixarei o fútbol activo", sinalou.

Ao coñecer a noticia, o presidente do club, Gaspar Pérez Carneiro, desexoulle unha pronta recuperación, ademais de agradecerlle que acuda aos adestramentos do xoves e venres e ao partido do domingo. O club traballa xa para atoparlle un substituto.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios