Un partido de sanción para Samu

O Comité de Competición da Federación Española de Fútbol (RFEF) acordou sancionar cun partido ao xogador do Lugo Samuel de los Reyes, expulsado por dobre amoestación a pasada xornada fronte ao Tenerife; en cambio, deixou sen efecto a segunda amarela mostrada, no mesmo partido, ao xogador do equipo tinerfeño Aridane Santana.

Doutra banda, a rolda de prensa diaria do CD Lugo estivo este mércores a cargo do porteiro José Juan. O gardameta referiuse á próxima cita do equipo branquivermello, que o sábado visita ao Spórting de Xixón, único equipo da liga Adiante que non perdeu nin un partido nas quince xornadas disputadas. José Juan apuntou que o CD Lugo vai ir a Xixón a romper a serie". En todo caso, apuntou, o cadro lucense acudirá a El Molinón "con ilusión de gañar", porque o Spórting non se lle dá "peor" que outros rivais. Nos catro enfrontamentos anteriores en Segunda División, o cadro lucense sufriu tres derrotas e só rabuñou un empate: foi, precisamente, na primeira desas citas, en El Molinón, en setembro de 2012.

O meta lucense recordou que "o primeiro obxectivo" do CD Lugo esta tempada é a permanencia e, "despois, mirar cara arriba".

José Juan tivo palabras de eloxio para o canteirán Manu Cedrón, que é o seu porteiro suplente mentres se recupera o lesionado Dani Mallo. Este último, segundo informou o club, xa traballaron este mércores no céspede da Campiña, do mesmo xeito que o defensa central Jon García. Outros dous lesionados, o o extremo esquerdo Ernesto e o dianteiro Luís Fernández, fixeron traballo específico no interior.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios