jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

Un fortín que non chega

Yanis intenta escapar de Trigueros, da Ponferradina, no Ángel Carro. XESÚS PONTE
Yanis intenta escapar de Trigueros, da Ponferradina, no Ángel Carro. XESÚS PONTE
O Lugo deixou escapar nada menos que sete puntos do estadio Ángel Carro nun inicio de campaña no que xogou catro das seis primeiras xornadas como local

O Club Deportivo Lugo deixou escapar nada menos que sete puntos como local nas seis primeiras xornadas da competición 2019-20 de Segunda División, algo que lle impediu colocarse polo momento nunha zona tranquila da clasificación. E isto sucedeu xusto nun tramo de calendario no que, a priori, contaba con duelos máis accesibles que o que lle chega nas próximas semanas.

Con sete puntos na clasificación, o Lugo acabará a xornada fóra dos postos de descenso a Segunda B e na zona media da táboa. Con todo, a sensación pode ser un pouco amarga porque o Lugo contaba con dúas circunstancias que puñan serlle favorables neste inicio da competición.

A primeira delas é que de seis xornadas, o Lugo xogou nada menos que en catro delas como local e aí o balance é de cinco puntos conseguidos sobre os doce que houbo en xogo. Desde o corpo técnico e o persoal en numerosas ocasións falaron da importancia de facer do estadio Ángel Carro un fortín, algo que por agora non conseguiron porque o balance é dunha vitoria, dous empates e unha derrota.

A outra circunstancia a ter en conta ten que ver cos rivais que pasaron por Lugo ata agora. O conxunto branquivermello xa viu como chegaron ao Ángel Carro dous equipos recentemente ascendidos, como son os casos de Fuenlabrada e Ponferradina; ademais doutros dous conxuntos (Alcorcón e Estremadura) que entran perfectamente no grupo de rivais directos do Lugo na loita por conseguir a permanencia na categoría.

Os lucenses só foron capaces de gañarlle ao Fuenlabrada, empataron ante o Estremadura e a Ponferradina e cederon por 2-4 fronte ao Alcorcón. Unha bagaxe probablemente por baixo do esperado ao comezo do campionato.

DURO CALENDARIO. Hai que ter en conta que nas próximas xornadas o calendario endurécese, especialmente nos encontros que vai disputar no Ángel Carro. Os próximos equipos en visitalo serán o Tenerife e As Palmas, contra os que o Lugo non ten especialmente malos resultados nas últimas campañas; pero é que de aí ao final da primeira volta o Lugo ten que recibir a conxuntos como o Huesca, o Raio Vallecano e o Almería, aspirantes claros a loitar polo ascenso de categoría, e tamén dous choques de rivalidade como son o Spórting de Xixón e, sobre todo, o Deportivo.

En definitiva, o Lugo está fóra dos postos de descenso polo momento, pero a sensación de deixar pasar algunha que outra oportunidade como local sente o vestiario branquivermello, que agora ten que afrontar encontros ante rivais de notable entidade. Nas últimas campañas, aos lucenses xa lles custou ser sólidos como locais, e na anterior foi unha quimera, pero agora necesita esa forza para non verse nun problema máis adiante.

Un fortín que non chega
Comentarios