Un día á beira do pelotón

O paso da Volta na etapa deste mércores alterará o pulso normal en todas as localidades do percorrido. O tráfico e o aparcamento quedarán prohibidos en numerosas rúas de Lugo

Boa parte da provincia de Lugo vivirá este mércores por e para o ciclismo. Lugo envórcase coa Volta Ciclista a España para lucir mellor que nunca. O sol e o bo tempo acompañarán ao pelotón entre Viveiro e Lugo, un trazado ondulado e dificultoso polo que a carreira se conducirá ata alcanzar a Ronda da Muralla, á altura da Porta de San Fernando, onde estará situada a meta desta quinta etapa da gran rolda española, unha xornada que consta de 171,3 quilómetros de percorrido e que une A Mariña co centro da provincia.

Loxicamente, o paso da Volta por Lugo vai alterar un tanto a vida dos lucenses. Os cortes de estrada serán unha constante ao paso dos ciclistas polas poboacións incluídas na etapa.

Pero, sobre todo, será Lugo -16 quilómetros da etapa transcorren pola cidade- a localidade que máis vexa alterado o pulso normal da vida. Segundo a información facilitada pola organización da Volta, o pelotón entrará no termo municipal de Lugo ao redor das 17.00 horas -as 17.01 se se cumpre a media máis alta ou as 17.23 se o pelotón opta por unha marcha máis tranquila-.

Os ciclistas entrarán pola Ronda Norte, cara á rúa Hortensia, praza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, rúa San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Ronda da Muralla (en sentido contrario ao habitual da circulación), Praza da Constitución, rúa Ángel López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Ronda da Muralla, outra vez, ata a Porta de San Fernando, onde estará instalada a meta, á que chegarán os corredores ás 17.29 coa media máis rápida e ás 17.53 coa máis lenta.

MONFORTE. A sexta etapa da Volta, que parte este xoves de Monforte ás 13.30 horas, obrigará a cortar o tráfico en dez rúas durante boa parte do día. Trátase de Francisco Moure, A Compañía, Roberto Baamonde, Conde, Benito Vicetto, Doutor Casares, ronda María Emilia Casas, Chantada Morín e Avenida de Galicia. Ademais, o aparcadoiro do parque dos Condes quedará pechado durante todo o día co fin de albergar boa parte dos vehículos que se encargan do apartado loxístico da Volta.

O Concello monfortino solicitou aos veciños que para conseguir unha maior fluidez do tráfico eviten desprazarse nos seus vehículos de forma especial entre as 12.00 e as 17.00.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios