miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Un campo a temer

Tete Morente intenta levar o balón ante dous xogadores do Rayo na primeira volta. VICTORIA RODRÍGUEZ
Tete Morente intenta levar o balón ante dous xogadores do Rayo na primeira volta. VICTORIA RODRÍGUEZ
O Lugo nunca gañou en Vallecas, onde só sumou un punto nos seus duelos. Este mércores Curro Torres pode romper o gafe e poñer fin á xeira de sete partidos sen gañar

Cambiar a dinámica no peor lugar. Borrar a crise de resultados e ofrecer o primeiro triunfo ao novo adestrador nun estadio onde o Lugo só logrou saborear un empate. Romper a mala serie de sete partidos sen gañar nun terreo inhóspito fronte a un rival que sempre se atopa cómodo na súa casa ante o club branquivermello. Porque en Vallecas, ante o Rayo, o conxunto lucense só puido sacar un punto en toda a súa historia. E daquel 2-2 pasaron xa máis de doce anos.

Os dous equipos coincidiron en Segunda e Segunda B. O cadro madrileño tivo o cartel de equipo ascensor entre as dúas máximas categorías do fútbol nacional. Nese espazo de humilde en Primeira e favorito en Segunda non se moveu o Lugo, que loitou co equipo da franxa nos últimos anos de prata e cando os vallecanos caeron á división de bronce, onde só xogaron cinco tempadas desde o ano 1965.

O balance dos partidos co Raio en Madrid non é positivo para o Lugo. Catro partidos, un punto de 12 posibles no segundo duelo que os branquivermellos disputaron no Estadio de Vallecas.

O Lugo só puido lograr un empate en Vallecas e fíxoo en novembro de 2017

O primeiro duelo que os lucenses xogaban no barrio madrileño tivo lugar na tempada 2006-2007. E foi a primeira derrota tamén no lombo dos do Ángel Carro. O Lugo volvera do seu periplo por Terceira División e, con José Fidalgo no banco, caeu cun solitario tanto de Mauri no minuto 63.

O curso seguinte, o 2007-08, o Lugo sumou o seu único punto en Vallecas. Foi un 2-2 na décimo cuarta xornada grazas aos tantos de Dani Carril e Rubén Durán.

Tivo que esperar case unha década para volver enfrontarse co Rayo a domicilio. Foi na campaña 2016-2017, cando un Rayo recentemente descendido tras cinco anos seguidos en Primeira recibía o Lugo ao final da tempada, sen nada en xogo para os dous. Aquel 22 de abril o conxunto dirixido por Luis César Sampedro caía por 2-0 mercé aos tantos de Manucho e Javi Guerra.

O último duelo en Vallecas tivo lugar na 2017-2018, cando o cadro branquivermello foi o convidado de pedra no ascenso dos da franxa vermella a Primeira División grazas a aquel 1-0 de Álex Moreno.

Se a domicilio o Lugo tivo vedadas as vitorias en Vallecas, en casa logrou sumar tres triunfos e un empate. A única derrota sufrida tivo lugar na 2017-2018. Aquel 1-2 con Francisco Rodríguez tivo a desgraza da grave lesión de Campabadal, que foi baixa desde decembro.

Varo volve aos adestramentos 
O gardameta do Lugo Alberto Varo reincorporouse ao grupo no adestramento deste domingo logo de mes e medio no dique seco por lesión. O gardameta está de baixa por unha torsión do nocello esquerdo desde finais de novembro, xusto antes do derbi galego co Deportivo no Ángel Carro. 

Varo, que afronta a súa segunda tempada no Lugo, empezou o curso como titular, pero perdeu ese posto co anterior adestrador do equipo, Eloy Jiménez, logo de caer (1-4) co Tenerife. Xa como suplente de Ander Cantero, o gardameta branquivermello lesionouse no último adestramento de novembro. 

Canella, dúbida 
Se Varo podería retornar a unha convocatoria este mércores, terao máis difícil Roberto Canella, cuxa rotura de fibras no ventre muscular do semimembranoso podería evitar que forme no carril esquerdo ante o Rayo.

Un campo a temer
comentarios