Un bronce afortunado

Antón Leivas, operado dun sopro no corazón en 2015, consegue a medalla de bronce no campionato de España cadete de loita libre olímpica, en Xixón
Antón Leivas. SEBAS SENANDE
photo_camera Antón Leivas. SEBAS SENANDE

O lucense Antón Leivas conseguiu a medalla de bronce en categoría cadete 55 quilogramos durante o campionato de España de loita libre olímpica, que se celebrou o pasado fin de semana en Xixón e que congregou decenas de deportistas chegados desde todos os puntos do país.

Leivas, que arrincou o torneo directamente en cuartos de final porque o número de participantes resultou ser impar, enfrontouse no primeiro combate a Edwin Mesa, ao cabo subcampión de España, e viuse relegado á repesca polo bronce ao non poder superar ao seu rival.

Na fase de repesca, o lucense do Club Loita Lugo enfrontouse ao catalán Marat Tatraev, ao que unha lesión no enfrontamento previo impediulle competir, polo que se deu o combate por anulado e concedeuse unha dobre medalla de bronce para Antón Leivas e o loitador catalán.

A súa medalla supuxo un novo logro para os deportistas do Club Loita Lugo

"O meu rival tivo un problema no brazo antes de enfrontarme contra el. Gustaríame loitar o combate, pero ao final non puido ser. ¿Contento? Non de todo porque Tatraev non puido competir. A miña idea agora é prepararme mellor de cara ao campionato do próximo ano e aí xa si, pelexar de verdade por unha medalla", recoñeceu o loitador de 15 anos.

A súa medalla supuxo un novo logro para os deportistas do Club Loita Lugo, cuxa próxima cita nacional terá lugar o 5 de abril en Madrid co campionato de España sub-23, onde participarán representantes femininas da entidade.

Le máis: Antón Leivas, un auténtico luchador

UN LOITADOR ATÍPICO. A Antón Leivas diagnosticáronlle en 2015 un sopro no corazón que lle obrigou a pasar polo quirófano con apenas 11 anos. "Non tiña resistencia en comparación cos meus compañeiros e esgotábame rápido", recoñeceu a este xornal.

Tras a intervención, Leivas mellorou o seu apartado físico, o que lle permitiu, entre outros éxitos, conquistar unha prata e un bronce no Galego de loita do pasado mes de febreiro.

Comentarios