Traxectoria impecable

O Río Breogán confirma que é a gran revelación da liga ACB ao presentar un balance positivo de 5-4 nas nove xornadas iniciais, tras medirse xa a cinco dos seis primeiros
undefined
photo_camera Jordan Sakho disponese a anotar ante o Gran Canaria. XESÚS PONTE

O Río Breogán mantén, unha semana máis, as excelentes sensacións que vén mostrando desde o inicio de tempada no seu regreso á liga ACB. O triunfo ante o Gran Canaria (76-66), a forma en que se produciu, remontando once puntos de desvantaxe no terceiro cuarto, supón a confirmación para un equipo que está a dar moito que falar como unha gran revelación, nestas nove xornadas de competición.

O balance de vitorias-derrotas (5-4) é moi positivo e máis se se considera que o Río Breogán xa xogou contra cinco dos primeiros seis clasificados na competición. A pesar diso, o equipo lucense asina un dos seus mellores inicios de tempada e é que nas dezasete tempadas do equipo lucense na ACB, só na tempada1989-90 chegou con mellor bagaxe (6-3) á novena xornada. Na 2001-02 e na 1984-85 tamén alcanzou a novena xornada con cinco triunfos, mesmo balance que leva agora mesmo.

Mirando ao futuro máis inmediato, antes do parón pola disputa dos partidos da fiestra Fiba, pola que non haberá xornada no último fin de semana deste mes, o Río Breogán enfrontarase a dous equipos que teñen nestes momentos o mesmo balance de vitorias e derrotas dos lucenses (5-4), o Manresa o próximo fin de semana e despois no Pazo dos Deportes de Lugo ante o Joventut. Serán así dous encontros importantes para marcar a situación clasificatoria do conxunto que adestra Paco Olmos, como ocorreu coa dobre cita como local ante o Ucam Murcia e a Gran Canaria.

Os lucenses ofrecen unhas sensacións moi positivas e un gran final de partido

Un dos aspectos que máis está a chamar a atención do conxunto lucense neste tramo inicial da tempada, e que é moi valorado desde o corpo técnico dos rivais tamén, ten que ver coa intensidade coa que está a xogar o Río Breogán en todos os seus partidos, a pesar da escasa rotación coa que conta; e así a enteireza coa que está a afrontar os últimos minutos dos encontros e a claridade de ideas cunha repartición de roles moi definida e aceptada pola totalidade dos xogadores. Este Río Breogán está a acabar realmente ben os encontros.

Ademais, os lucenses levan unhas boas porcentaxes de tiro —agora mesmo en triplos presentan a segunda mellor porcentaxe da liga cun 38,9%—, é cuarto en rebotes e o terceiro que menos balóns perde, tres facetas fundamentais e que tamén explican o bo rendemento do Río Breogán.

Comentarios