jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

O lucense Esteban Basanta chega en plena forma á Copa de Europa de tríatlon

Esteban Basanta, na proba de dúatlon que correu o pasado mes de marzo. EP
Esteban Basanta, na proba de dúatlon que correu o pasado mes de marzo. EP
O lucense Esteban Basanta, de 18 anos, chega en plena forma á Copa de Europa de tríatlon, que se celebrará o domingo en Riga. "Estou mellor que antes da corentena", asegura

O triatleta lucense Esteban Basanta afronta este domingo unha das súas últimas probas da tempada como corredor do Cidade de Lugo Fluvial. É un ano crave na súa carreira deportiva, xa que a partir do próximo mes trasládase a Madrid para integrarse no Centro de Alto Rendemento, tamén coñecido como a residencia Blume, onde espera dar un salto cualitativo a todos os niveis. "Hai pouco aceptáronme a bolsa e tómomo como un chanzo na miña formación deportiva, ademais de que me vai a axudar a non deixar os estudos de lado, algo que en Lugo sería máis difícil", explica.

Pero antes de deixar Galicia, hoxe viaxa a Letonia para afrontar o domingo (a partir das 10.00 horas) a súa primeira proba de tríatlon do ano e a que pode ser a última deste ano co Cidade de Lugo Fluvial. É a Copa de Europa júnior de tríatlon, en Riga, onde representa á selección española. Terá que afrontar unha dura proba: 375 metros de natación, 12 quilómetros de bicicleta e catro de carreira a pé, unha distancia lixeiramente menor á habitual polas restricións que obriga a pandemia desatada polo coronavirus.

"Chego moi ben, porque desde que saímos do confinamento a principios de maio, e ao non ter clases, puiden adestrar máis tempo do normal. Non te dás conta, pasan tres meses e de súpeto volves estar en forma e, incluso, mellor que antes da corentena", recoñece, ilusionado, o triatleta.

E é que o confinamento lle veu como auga de maio non só para preparar a proba de xeito óptima, senón tamén para aproveitar ao máximo os últimos meses en casa dos seus pais antes de dar o salto a Madrid. "Tomeimo como unhas vacacións e goceino moito. Sentín un privilexiado, porque teño xardín e puiden aproveitar o bo tempo, manter a forma e seguir adestrando. Ademais, serviume para reflexionar, facer cousas diferentes e gozar o tempo que me queda cos meus pais", indica.

MESES SEN COMPETIR. Basanta non compite desde comezos do pasado mes de marzo, días antes de que se decretase o estado de alarma e a suspensión de todas as probas colectivas. "Foi un dúatlon, que é a modalidade de inverno para os triatletas", recorda. A pesar de todo, non mostra preocupación polo tempo parado, é máis, recoñece ter ganas de competir. "Ao principio tomábamos con calma (os adestramentos) pero ao estar tanto tempo en casa acabas saíndo con ansia. Agora estou moi motivado, aproveitei moi ben toda esta situación", di confiado.

Esteban Basanta ten a oportunidade en Riga de demostrar que é un dos atletas galegos con máis proxección, non só dentro da súa disciplina, senón en termos globais. A súa entrada na Blume ratifica o potencial dun mozo que empezou con nove anos fixándose nas súas irmás, tamén triatletas, e que case unha década despois -e moito, moito traballo- confirmou todo o que se esperaba del.

O lucense Esteban Basanta chega en plena forma á Copa de Europa de...
comentarios