Impresións pre-derbi

Todos pendentes do balón na Magdalena

Rácing Vilalbés e Ribadeo protagonizan un derbi de contrastes esta tarde na Magdalena. Os chairegos buscan subir enla táboa e os celestas salvar posicións
Un momento del partido de la primera vuelta en el Pepe Barrera
photo_camera Un momento del partido de la primera vuelta en el Pepe Barrera

Achégase o inverno. Un grupo de camiñantes celestes, aqueles que moran máis aló do Fiouco e vagan actualmente polo reino dos caídos, desembarca esta tarde en Vilalba co obxectivo de lograr o osíxeno necesario para regresar ao mundo dos vivos. Pero a tarefa non lles resultará sinxela; o exército local, vencedor da primeira batalla desta guerra no outrora infranqueable Pepe Barreira, chega ao combate cos canóns a pleno rendemento e coa posibilidade de pelexar por cotas máis altas. A Magdalena (16.00 horas) ditará sentenza.

Moitas cousas pasaron desde que Ribadeo e Rácing Vilalbés inaugurasen a tempada 2015-16 alá por finais do mes de agosto. A primeira, o propio encontro, que finalizou con vitoria chairega por 1-2. Despois chegaron o deambular irregular dun equipo e o errático do outro, que vían como o que se planificaba sobre o terreo de xogo non acababa de traducirse en vitorias. E para acabar (a primeira volta), ao fin, noticias esperanzadoras.

Os chairegos parecen atopar a tecla para transformar as sensacións en puntos. O conxunto dirixido por Óscar Gilsanz podería sumar esta tarde a súa terceira vitoria consecutiva como local e comezar a fixarse máis na zona alta que na baixa da clasificación. O seu recordo máis recente é o cómodo triunfo de hai sete días ante un bo equipo, o Arousa, e tratarán de repetir a fórmula fronte aos ribadenses.

Pola súa banda, os discípulos de Germán Campos chegan ao derbi coa retina embazada pola dolorosa derrota ante o Noia que os deixou como pechacancelas, aínda que non deben esquecer a melloría que mostraran nas tres xornadas anteriores, nas que conseguiron dous empates e unha vitoria excepcional a domicilio no campo do Rápido de Bouzas. O efecto moral de imporse nun derbi sería beneficioso para ambos os equipos, pero podería supor un plus tremendo para os visitantes.

O favoritismo recae por lóxica sobre os locais, aínda que xa se sabe que «fútbol é fútbol», «os derbis son encontros imprevisibles» e «en noventa minutos pode pasar calquera cousa». O curioso é que os resultados desta tempada reforzan os tópicos, xa que os racinguistas, a pesar de conquistar prazas grandes como as de Silva ou Choco, sufriron importantes reveses contra equipos da zona baixa (derrotas contra Negreira e Mugardos ou empates en casa contra Ordes ou Ribadumia). O Ribadeo, pola súa banda, logrou dous dos seus tres triunfos (Rápido e Fabril) contra equipos situados entre os cinco mellores da Terceira galega. En resumo, que fútbol é fútbol, nun partido pode pasar calquera cousa e que este derbi, como todos, carece de favorito.

Predicións á marxe, o que si é seguro é que o centrocampista Hugo non estará no partido. O futbolista chairego sofre unha contractura nun xemelgo que lle impedirá medirese aos ribadenses. Germán Campos e Manolo Vilachá, pola súa banda, recuperan a Santi, que cumpriu ante o Noia un partido de sanción. Os técnicos celestes non saberán ata última hora se poderán aliñar a Borja, Brais e Dapo, minguados fisicamente, aínda que confían en que estean todos dispoñibles.

Gilsanz podería dispor dun once formado por Diego López en portería; López, Xusto, Muiña e Álex en defensa; o centro do campo para Make e Javi Varela; liña de tres con Villares, Rubén Gómez e Gerardo e Sergio Arias en punta.

O once do Ribadeo podería ser Javi baixo paus; Coki, Borja, Álex e Isma en defensa; o medio para Bouza e Jacob; Santi, Rafa e Javi Pérez por detrás do dianteiro e David Rodríguez en punta.

O dato As apostas, co Rácing A vitoria do Vilalbés págase na casa Bet365 a 1,53 euros. A do Ribadeo, a 5,50. Crávea Circulación do balón Os visitantes tratarán de impedir que os locais fagan transicións rápidas

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios