Toca soñar con outra medalla

A lucense Adiaratou Iglesias logra o pase á final dos 400 metros lisos co segundo mellor tempo das participantes. A cita está programada a madrugada do venres ao sábado ás 3.08 horas
undefined
photo_camera Adiaratou Iglesias, durante a proba deste xoves. EFE

A lucense Adiaratou Iglesias loitará na madrugada do venres ao sábado (3.08 horas) por conseguir a súa segunda medalla nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2021 e farao logo de clasificarse para a final dos 400 metros.

Adiaratou Iglesias levou a vitoria na súa serie cun tempo de 55.70 segundos, e que tamén supuxo a segunda mellor das participantes nas diferentes clasificatorias. A atleta do Lucus Caixa igualou coa marca realizada este xoves na capital nipoa a súa marca de Europa, o que demostra o enorme nivel que se viu na clasificación e todo o que pode deparar a final.

A mozambiqueña Edmilsa Governo e a acerbaixana Lamiya Valiyeva, logo do visto este xoves, aparecen, a priori, como as dúas ameazas máis importantes coas que pode atoparse a lucense para ese obxectivo de saír de Tokio como dobre medallista.

Ademais do título paralímpico nos 100 metros conseguido esta mesma semana, Adiaratou Iglesias é campioa de Europa de 100 e de 400 e subcampioa do mundo en 100 e 200 metros; pero noutra categoría porque actualmente e logo da última revisión médica Adiaratou Iglesias pasou da categoría T12 á T13 —implica que ten algo de visión e por iso non compite con guía—.

"Vaise pelexar pola medalla, creo que será unha carreira apaixonante e na que pode pasar de todo", asegura o adestrador do Lucus Caixa Rural Adolfo Vila

Fixo unha valoración do que se pode ver e esperar dunha gran final que promete emocións fortes. "Vaise a pelexar pola medalla, creo que será unha carreira apaixonante e na que pode pasar de todo"; aínda que o técnico insiste en que o nivel é elevadísimo e hai que ter moito respecto e coidado. "Hai que ser moi prudente, hai que respectar moito a todas as rivais porque en calquera momento pódennos facer un descosido. Na final haberá xente de moito nivel", asegura.

Agora, a deportista lucense pode converterse nunha das grandes protagonistas destes Xogos Paralímpicos se é capaz de conseguir unha nova medalla e facelo ademais na primeira actuación nesta competición. A xornada de clasificación demostrou un nivel moi alto, con marcas realmente espectaculares e todo fai indicar que a final prepara sorpresas e podería correr perigo o tempo de 55.70 segundos, actual marca de Europa.

Tres éxitos máis para España, que alcanza xa as 33 medallas
Tres medallas de bronce, dúas na piscina con Marta Fernández e Sarai Gascón e outra máis de Héctor Cabrera en lanzamento de xavelina, permiten a España alcanzar as 33 medallas nos Xogos Paralímpicos de Tokio e a falta de tres xornadas para acabar a competición superar as 31 de Río de Janeiro 2016. 

A nadadora barcelonesa Sarai Gascón conquistou a medalla de bronce nos 100 bolboreta, clase 9 de discapacitados físicos, e sumou o seu segundo metal nos Xogos Paralímpicos de Tokio tras a prata nos 100 metros libre lograda hai uns días. 

Tamén de bronce foi a medalla da burgalesa Marta Fernández —na foto— nos 50 metros estilo libre, clase S4 de parálise cerebral, e que lle valeu para completar a súa colección de preseas en Tokio tras lograr anteriormente o ouro en braza e a prata en bolboreta. 

O valenciano Héctor Cabrera logrou a medalla de bronce ao lanzar na proba de xavelina 61.13 metros, na clase F13 de discapacitados visuais.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios