Rafa Casanova: "Tiven nervios"

O xogador di que a presidenta do Ribadeo, equipo no que el adestra e ao que marcou, apoiouno para que xogase co Friol, club que el preside

Rafa Casanova despeja en un partido con el Ribadeo. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera Rafa Casanova despexa nun partido co Ribadeo. J.Mª ÁLVEZ

Trinta e sete anos de carreira dan para moito. Sábeo ben Rafa Casanova, que xogou en case todas as categorías non profesionais do fútbol español, tocando teito co Lugo en Segunda B. En 37 anos pasoulle case de todo tamén, aínda que o domingo viviu o seu partido máis especial. Na semifinal da Deputación enfundouse a camiseta do equipo que preside e co que xoga, o Friol, ante o club que adestra, o Ribadeo. O duelo acabou co pase dos mariñáns pero no que Rafa Casanova non perdeu.

Levoulle case unha semana decidir a cor da zamarra que vestir. Consultou a moitos, pero foi unha chamada da presidenta do Ribadeo a que lle fixo optar polo Friol. "Pregunteille a bastante xente, pero foi interesante que me chamara a presidenta do Ribadeo para dicirme que non pasaba nada decidira ou que decidira", destacou Rafa Casanova.

Os nervios xurdiron desde ben cedo o mesmo domingo, o día do partido. "Tiven bastantes nervios para que toda a festa que tiñamos montado en Friol saira ben e que a xente acudira. Sabía que ía a ser unha sensación rara enfrontarme a xogadores dos que son adestrador. Xogar no campo do Friol totalmente cheo foi unha sensación peculiar, pero unha vez que te pos a xogar quítanse todos os nervios", indicou o xogador.

Non tivo que ocuparse esta vez da táctica nin do once do Ribadeo, que foi cousa do seu segundo, Salva Fernández. "O plantexamento do partido fíxoo Salva Fernández. Adestramos o venres e a partir de aí foi cousa del o de elixir o once e a forma de xogar".

Nun partido limpo, o Friol gozou dunha falta perigosa no frontal con 0-0. Rafa Casanova lanzouna para facer o 1-0 ao porteiro que adestra cada día en Ribadeo. "Logrei salvar a barreira e o balón foi á rede. Non sei se lle metín unha falta así a Hugo nos adestramentos. Algunhas veces lle teño tirado boas faltas de broma adestrando", rememora.

O Ribadeo acabou por empatar (1-1) nun encontro atractivo para o espectador. "Foi un partido igualado. Os dous tiveron ocasións para adiantarse, pero unhas veces tiveron a fortuna os porteiros e outras os dianteiros. Foi un partido chulo para o espectador, no que foi bastante xente".

Na quenda de penaltis, Rafa meteu o primeiro, pero o pase á final acabou por ser para o equipo que adestra e co que disputará a final o domingo (18.00 horas) na Medela ante o Lemos.

"Non pensei en se a derrota fora doce ou non, senón en tentar gañar co Friol. Perder, sexa adestrando ou en partido oficial, sempre amola. Estaba amolado por perder, pero unha vez que pasou ou tempo, se non pasaba o Friol quería que fora o Ribadeo o que xogase a final", concluíu Rafa Casanova, o gañador do domingo.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios