O Viveiro CF engadiu o domingo máis pezas ao bloque que defenderá o elástica celeste no regreso a Terceira División. Os dous últimos xogadores en apuntarse ao carro vivariense para a campaña 2020-21 son o centrocampista Iván e o mediapunta Tichu, que levan camiños paralelos tras atoparse ambos na tempada 2017-18 no Ribadeo FC. Desde o club do Pepe Barreira ficharon ambos polo Viveiro e tras rozar o ascenso na 2018-19 selárono unha campaña despois, sendo ademais xogadores moi importantes para o técnico, Chuski.
Iván Rodríguez, a piques de cumprir 24 anos, formouse nas categorías inferiores do CD Lugo e debutou en Terceira División co Rácing Vilalbés na tempada 2015-16. Tras dúas campañas no Ribadeo, tamén en Terceira, fichou polo Viveiro, converténdose nun fixo no centro do campo.
Vicente González, máis coñecido como Tichu, tamén chegou ao Viveiro na tempada 2017-18, cando se erixiu na gran referencia ofensiva do equipo, con 18 goles, a súa mellor cifra como futbolista. A pasada tempada foi un xogador fundamental, pero atrasou a súa posición e desde a mediapunta colaborou con 9 goles nos 24 encontros que disputou coa zamarra celeste. A piques de cumprir 33 anos, destaca polo seu desborde e a súa capacidade para dar o último pase.