O talento que será branquivermello

Hugo Rama, ao que o Lugo repescará para ser un xogador importante a próxima tempada, é fanático do River Plate, estivo preto de deixar o fútbol cando era xuvenil e é a grande estrela dun Mirandés que soña co ascenso

Hugo Rama celebra un gol. DIARIO DE BURGOS
photo_camera Hugo Rama celebra un gol. DIARIO DE BURGOS

Se a camiseta do Lugo fose azul e amarela é posible que Hugo Rama nunca asinase no Ángel Carro. Ao talentoso centrocampista cedido no Mirandés tíralle o vermello e o branco, coa banda sangue cruzando o peito. As cores, un contrato asinado ata 2022 co club que preside Tino Saqués, e a posibilidade de xogar en Segunda División a pouco máis de 90 quilómetros da casa serán as razóns para que sexa un dos nomes propios da tempada vindeira á beira do Miño.

Aínda que Hugo Rama Calviño naceu en Sigüeiro hai 22 anos, a súa orixe arxentina por parte de nai fíxolle elixir equipo no país da albiceleste e non en España. Que o próximo futbolista do Lugo sexa un fanático do River Plate igual foi unha das razóns que lle permitiu xogar no Celta e o Dépor sen remorsos.

A tatuaxe que o centrocampista galego ten nun dos seus xemelgos -onde o escudo de El más grande está xusto encima dun mapa de Arxentina- mostra ás claras que Rama é un tipo peculiar. Tanto como para deixar o fútbol cando era unha estrela da canteira da Madroa, cansado da esixencia de compaxinar o estudo, a vida lonxe da casa e a presión de formar no xuvenil A do Celta.

Tras saír de Vigo xogou no Sigüeiro, de categorías rexionais, á beira do mítico Juanito. Cando parecía destinado ao fútbol amateur, José Ramón, o irmán de Fran, rescatouno para o Deportivo. Alí callou un grande ano en xuvenís e pasou ao Fabril dirixido por Manuel Mosquera -actual técnico do Estremadura-, onde compartiu vestiario con talentos como Róber Pier ou Edu Expósito.

Tras enrolarse no Cerceda de Segunda B, Víctor Moreno asinouno para o Lugo en xaneiro de 2018, onde conta cun contrato ata 2022. Este verán acabou no Mirandés, onde brillou con luz propia ata ser a estrela dun candidato ao ascenso.

CLASE E CHEGADA. En Anduva Hugo Rama xogouno case todo. O futbolista que será repescado polo Lugo para ser importante no proxecto da próxima tempada só perdeu dous partidos en todas as competicións co conxunto burgalés.

Suma 40 duelos o compostelán. Na liga regular do Grupo II de Segunda B xogou 36 partidos, aos que hai que engadir un de Copa e os tres disputados no play off de ascenso á categoría de prata, onde o Mirandés está a tres encontros de retornar a Segunda División.

Rama suma 7 tantos entre todas as competicións -6 en Liga e outro na promoción de ascenso- o que evidencia que ao seu talento para exercer como acelerador do xogo hai que sumar o gol.

Porque onde mellor se move o de Sigüeiro é por diante do pivote, ben como acompañante dun mediocentro clásico nun 4-4-2 ou como volante ofensivo nun 4-3-3. En Miranda tamén chegou a xogar como mediapunta nun 4-2-3-1, o que lle dará a posibilidade a Eloy Jiménez de exercer como centrocampista en distintos sistemas.

Acomodado case sempre por dentro -algunha vez exerceu de interior nun rombo no centro do campo, aínda que nunca como extremo-, Hugo Rama destaca por ser un lanzador do xogo. É capaz de dar o último pase ou, sobre todo, chegar desde segunda liña para finalizar, xa que posúe un gran disparo coa súa dereita e aceptable coa súa esquerda.

Tamén pode ser o que inicie o xogo tras partir de entre centrais, aínda que foi a opción que exerceu máis en Anduva a pesar do seu talento para poder facelo.

Rama será a grande aposta do verán para un Lugo que mirará cada euro gastado polas obras do Ángel Carro.

O CD Lugo Friol cede ante o Deportivo (1-6) na final da Copa Galicia
CD Lugo Friol. \<sent\>FUTGAL

O CD Lugo Peluquería Mixta Friol non puido superar a un Deportivo moi superior na final da Copa Galicia de fútbol feminino e caeu derrotado en Ordes por un contundente 6-1. O tanto das branquivermellas foi obra de Lucía Pardo, quen fixo o 5-1. O primeiro tempo concluíra cun claro 4-0 para as herculinas, mentres que o segundo acto foi máis igualado e competitivo.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios