Sergio Vallejo cumprirá o seu soño: "O obxectivo é terminar o Dakar"

O piloto lucense acudirá con Mario Tomé de copiloto e correrá cun prototipo Century
Sergio Vallejo y Mario Tomé. EP
photo_camera Sergio Vallejo y Mario Tomé. EP

O piloto lucense Sergio Vallejo (8 de xaneiro de 1967) debutará na próxima edición do Dakar e farao co tamén lucense Mario Tomé de copiloto. Trátase dun soño cumprido que persegue desde hai varios anos e que puido materializar logo de, recoñece, "uns meses moi intensos, de dedicarme en corpo e alma a conseguilo".

Vallejo e Tomei participarán no Dakar 2023, en Arabia Saudita, cun coche da máxima categoría (T1) e cun obxectivo moi claro, acabar no podio dos debutantes. "É un coche de tracción traseira, un Century, un prototipo de motor V8, 7.000 centímetros cúbicos e de case 400 cabalos", explica. "Un coche competitivo, deuse a oportunidade de debutar no Dakar cun coche de primeira categoría, que é todo un luxo", asegura.

Vallejo acode con Mario Tomei de copiloto, ao que tivo en varias competicións no pasado, precisamente pola complicidade que existe co seu compañeiro, algo fundamental nunha carreira como  o Dakar, de pura supervivencia e na que perderse é algo relativamente sinxelo. "Foi copiloto meu en moitas ocasións. Diego (Vallejo, o seu irmán) ten contrato con outro equipo e non pode, polo que tiven que buscar a alguén e ninguén mellor que Mario Tomé, porque é amigo, compañeiro e o mellor posible para acompañarme nesta aventura", conta Sergio Vallejo.

Para o piloto lucense, as claves no próximo Dakar pasan "por manter a calma, coidar a mecánica e ter moita compenetración piloto-copiloto para non perderse", apunta.

Aínda que é a súa primeira experiencia como piloto, o certo é que Sergio Vallejo coñece o Dakar por dentro tras acompañar dúas veces a Óscar Fuertes e Diego Vallejo. "Fixen un pouco de todo, levaba o coche de prensa, tocoume facer de mecánico... cando estás alí botas unha man no que sexa necesario, porque é unha carreira que trata de superar dificultades".

O seu principal obxectivo é "terminar" e, se pode, facelo no podio dos debutantes. "Loeb gañou nove veces o Mundial de rallies e non conseguiu gañar o Dakar en catro ocasións", explica sobre a dificultade da proba. Vallejo conta con varios patrocinadores, entre eles Concello e Deputación de Lugo e a Xunta, a través do Xacobeo.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios