"Seremos aguerridos"

Paco Olmos, presentado como adestrador do Río Breogán, quere un persoal "do que todo Lugo estea orgulloso"
undefined
photo_camera Paco Olmos (esquerda) dá a man a Tito Díaz na súa presentación. VITORIA RODRÍGUEZ

Paco Olmos volveu sentar na sala de prensa do Pazo once anos despois -a última foi o 7 de maio de 2010 cando era adestrador do Menorca e logo de eliminar ao Breogán dos play off de ascenso á ACB-, pero agora como máximo responsable do corpo técnico breoganista.

O valenciano mostrouse agradecido "pola confianza que depositou en min o Breogán" e dixo sentirse "moi responsabilizado", xa que é consciente de que chega a unha cidade "onde máis que lucenses hai breoganistas". "Sei que hai moita ilusión en torno ao equipo e que é moi importante que o Breogán se manteña na ACB", valorou.

Olmos comentou que se atopaba moi a gusto en México, pero tamén que tiña a intención de volver "á que para min é a mellor Liga do mundo. Ao ouvir Breogán e ACB non tiven dúbidas. O acordo foi rápido porque para min é un orgullo adestrar ao Breogán".

O adestrador dixo ser consciente de chegar a un club "con limitacións no apartado económico pero cun proxecto interesante e fiable". As súas primeiras impresións non puideron ser mellores. "Atopeime a un club moi familiar pero moi intenso no traballo. Todos o temos claro e traballamos para que, dentro das nosas posibilidades, poidamos formar un equipo do que todo Lugo estea orgulloso", observou.

Os xogadores serán citados para a pretemporada o 2 ou 3 de agosto

Con respecto ás características que terá o persoal breoganista, Olmos dixo que: "Polos nosos condicionantes temos que ir a un equipo que teña fame, que os xogadores saiban que para xogar na ACB cada día, en cada adestramento van ter que estar ao cen por cento. Non teño dúbidas de que os que sigan da tempada pasada vano a facer ben, pero os que cheguen teñen que saber que este será un equipo preparado para sufrir". Neste sentido engadiu que, en definitiva, o conxunto lucense caracterizarase "por ser un equipo moi aguerrido, cun baloncesto duro. Na alta competición o talento gaña partidos, pero tamén o gañan o traballo, o esforzo e o desexo e niso temos que ser os mellores da liga".

Olmos confía en ter todo o persoal ao completo a próxima semana, aínda que tampouco quere precipitarse xa que considera fundamental "non ter que facer cambios no equipo ao longo da tempada, á marxe dos accidentes que poida haber". Os xogadores que conformen o persoal serán citados, "para o día dous ou tres de agosto para empezar os recoñecementos médicos. O día nove de agosto queremos empezar o traballo".

Antes da comparencia do adestrador, tomou a palabra o director xeral do club lucense,Tito Díaz, quen ratificou que coa chegada de Olmos "temos a un técnico experto e curtido como primeiro adestrador, con moitas tempadas ás súas costas e en diferentes ligas. Ademais ten ilusión porque quería volver á ACB e facelo ben".

Con respecto á situación do persoal volveu insistir en que "Larsen, Cruz e Erik Quintela son seguros, ademais da base Trae Bell-Haynes". Do canadense destacou que é un xogador "que a Paco Olmos, igual que a nós, gustounos moito. Seguiremos na mesma liña que estes anos, todas as incorporacións faranse por consenso entre o adestrador e o club".

A isto engadiu que "con Sollazzo, Kacinas, Aboubacar está a falarse" e que "queremos un escolta que poida axudar á base, un primeiro beirado importante, un catro experto e un pivote".

O Breogán quere a Arco no club
Perico Díaz referiuse á situación de Sergi Quintela e de Salva Arco, dous dos xogadores que acabaron contrato co club. Do xogador lucense, o dirixente recoñeceu a existencia de conversacións para conseguir a súa continuidade no equipo.

Con respecto ao beirado catalán, o dirixente breoganista referiuse á súa continuidade dentro da organigrama do club. "Gustaríanos moito que seguise dentro do noso club, imos intentalo, falamos e creo que estamos moi preto".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios