Fernando Seoane: "Ao de concentrarse nun hotel non lle vexo sentido ningún"

Unha das voces máis autorizadas do vestiario fala da volta aos adestramentos a partir do vindeiro luns, do protocolo da Liga para o retorno da Liga ou de como afrontará as once xornadas que restan.
Fernando Seoane despeja un balón durante un partido ante el Alcorcón. XESÚS PONTE
photo_camera Fernando Seoane despeja un balón durante un partido ante el Alcorcón. XESÚS PONTE

O coiro de novo pegado ao pé, aspirar o aire libre, correr sobre a herba e traballar duro fóra de catro paredes, aínda sen compañeiros, pero coa sensación de recuperar unha normalidade perdida desde hai mes e medio. Así se atopará Fernando Seoane, o segundo capitán do Lugo, cando o vindeiro luns volva a O Ceao ou ao Ángel Carro para adestrar sen barreiras, aínda que sexa de xeito individual.

Parece que no tocante ao fútbol comeza a verse un pouco a luz ao final do túnel....
Iso parece, sobre todo despois de escoitar ao presidente no das novas medidas, que poderemos voltar a adestrar de xeito individual. Temos moitas gañas de saír xa un pouco da casa.

O luns volvedes ao traballo de xeito individual. ¿Cómo vai ser?
Estamos a esperar a que nos diga o clube algo seguro para organizarnos. De momento sabemos o que sae nos protocolos da Liga. A primeira fase será cada un de xeito individual, que vaia ao terreo de xogo a unha hora determinada, que teña moito coidado, que se desinfecte todo e se aseguren ao máximo as medidas. Creo que as medidas serán así as primeiras semanas para que logo, dentro de quince ou vinte días, poidamos facelo todos xuntos.

¿Será raro para ti adestrar só ou con un compañeiro?
Son situacións que nunca se deron e será raro para todo o mundo. Hai que estar fortes, mentalizarse e porse a punto o máis rápido posible. Esta é unha situación extraordinaria para todo o mundo e hai que saber mentalizarse tamén.

Poderemos voltar a adestrar de xeito individual. Temos moitas gañas de saír xa un pouco da casa

¿A quen queres de parella?
(Ri) Xa que non te podes achegar moito, pois dame igual. Non sei moi ben cómo se vai organizar, se o van facer por posicións ou cómo.

¿Estás de acordo co plan da Liga de adestramentos, competicións e confinamento?
O normal é ir pouco a pouco. Ao principio está ben que se faga desta maneira, coas máximas precaucións. Ao que non lle vexo moito sentido é o de concentrarse nun hotel antes de entrar en competición. Penso que non ten nin pés nin cabeza porque máis seguro que na casa non se vai estar en ningún lado. Iso non o vexo, pero si o resto de medidas de control.

¿Eres dos que pensa que hai que facer os test ou deixalos para os que máis os precisen?
Non ten moito sentido que a xente que está en risco non teña test e nós, que non somos ninguén, vaiamos ter de sobra. Non o vexo moi normal. Os primeiros que precisan os test son os que están combatindo e axudando para que o virus desapareza. Deberían telos eles todos. Se logo hai máis, pois que vaian para outros estamentos, pero o principal é que vaian para os que curan aos enfermos. Nese sentido é raro que para nós haxa e para os sanitarios non.

Se vos obrigan a facelos, ¿negaríadesvos a pasalos?
Nós debémonos ao clube e se nos obrigan a facelos os faríamos. A nosa postura é que faremos o que nos di Sanidad. Se eles o autorizan pois teremos que facelos.

Non ten moito sentido que a xente que está en risco non teña test e nós, que non somos ninguén, vaiamos ter de sobra

¿Cómo levas o confinamento?
Pensei que o ía levar peor. Teño uns cativos e a nosa sorte é que temos unha terraza para desfogar algo. Fixo días bos para estar fora e o levamos bastante ben.

¿Os pequenos adestraban tamén co seu pai?
Cando eu adestraba eles máis ben enredaban (bromea), pero están en idades que non saben estar quietos nin un segundo. Deixáronme adestrar. Portáronse de marabilla.

¿Como foi traballar sen tantos medios como hai no clube?
Apenas tiñamos artiluxios para adestrar, menos mal que nos trouxeron unhas bicis para poder facelo. Hai sesións que son intensas e pouco perderemos de forma. O que nos mandaron traballar estivo ben. Foron dobres sesións e creo que virá ben tamén porque tiñamos unhas rutinas marcadas e obrigounos a estar activos.

Cando estedes todos xuntos haberá una pretempada de quince días, ¿chegará para o que queda?
Hai que ver o fortes que chegamos cando comecemos a competir. Eu creo que nos dará tempo para estar a tono. Non é como se viñeramos do verán, no que estás mais parado. Aínda que esteamos na casa, menos un día, no resto facemos dobres sesións. Non se perde tono muscular, si ritmo e sensacións co balón, pero iso se recupera rápido. Creo que nos dará tempo para estar ben físicamente e chegar ben ao inicio da competición.

Será un mes e medio duro. Vai custar xogar mércores e domingo, pero nós tamén somos unha plantilla amplia

¿Será difícil que haxa a mesma intensidade na competición despois do parón?
Penso que vai pasar un pouco iso, pero lle vai pasar a todo o mundo. Estamos en igualdade de condicións. É unha situación nova para todos e seguro que nos primeiros partidos custará ter ese ritmo de competición que tiñamos antes e se perdeu por estar tanto tempo fóra.

¿Será clave previr lesións?
Será un factor importante. Aínda que non paramos, non é o mesmo adestrar na casa que nun campo con outro ritmo e intensidade.

¿Falaches cos compañeiros e co adestrador todos estes días?
Co preparador físico falei a diario e había que mandarlle os vídeos das sesións. Estivemos todos os días en contacto. O adestrador fixo varias chamadas de grupo para ver como estabamos. Cos demais compañeiros si que falabamos, sobre todo co tema do Erte para ver cales eran as súas opinións. Sempre estabamos todos en contacto.

¿A fin de contratos a 30 de xuño será un problema?
A predisposición de todos os xogadores é xogar o máximo posible. Temos bastantes cedidos e o clube terá que falar cos seus equipos de orixe para arreglar un mes mais ou o tempo que sexa para que non haxa ningún problema. Nos que rematen contrato será unha situación individual a falar co clube e creo que o clube porase mans á obra para chegar a un acordo.

A predisposición de todos os xogadores é xogar o máximo posible. O clube xa está mans á obra para buscar unha solución

¿A competición tan concentrada deixará momentos de relaxación?
Vai ser un mes ou un mes e medio duro. Vai custar xogar mércores e domingo, pero nós tamén somos unha plantilla amplia. O míster ten moitas opcións e se algún nota cansancio o noso adestrador terá recambios de garantía. Temos recursos para poder afrontar o que queda coas máximas garantías para poder acadar o obxectivo.

Os capitáns seredes importantes por veteranía...
Ao que veña con menos gañas estaremos aí para que espabile. Todo o mundo virá mentalizado de que nos xogamos a tempada en once partidos, que estamos nunha situación compricada e temos que por todos os sentidos para iso. Ninguén vai vir relaxado.

¿O único positivo é que recuperaredes aos lesionados?
Pode ser que o que estea mais cargado de partidos estea máis recuperado. Nese sentido estaremos todos a disposición salvo os de longa duración.

Todos comezades desde cero, tamén os que non estabades a contar tanto para Curro Torres...
Hai que ver como ven todo o mundo. O míster vai ter varios días ata que adestremos todos xuntos e a partir de aí decidirá que xogue o que vexa que está mellor.

O parón chegouvos no mellor momento de forma...
Estabamos nunha dinámica moi boa de resultados e sensacións. Estabamos competindo moi ben e agora voltar a ese nivel vai pasar e seguro que vai custar. Pero igual ca nós estarán o resto dos equipos que estaban en dinámicas boas. O que mellor se saiba adaptar a estas once xornadas será o que cumpra os obxectivos.

"Esta é unha situación na que perderán todos. Nós non iamos ser menos"
¿Foi xusto o Erte do clube?
Tivemos algunhas reunións co presidente e se decidiu por aí. Él vía que a viabilidade do clube pasaba por aí e nós o acatamos. Está claro que é unha situación moi mala para todos, vai perder todo o mundo, igual que na sociedade, na que todos os traballos e todos os sectores perden e nós non iamos ser menos. Non hai nada que obxectar.
¿Cómo ves o tema de xogar a porta pechada?
A min xogar a porta pechada non me gusta nada, pero hai que evitar as aglomeracións. Non sei se haberá que facelo ata 2021, pero parece que será unha medida a ter en conta se queren que non haxa máis contaxios. É fastidado e vai custar, os afeccionados están cabreados e a nós non nos gusta nada, pero son situacións que se dan e que hai que acatar e pór a mellor cara posible.
¿O xogador sofre tamén por todo o que aconteceu a nivel social?
Esquecernos disto non nos imos a esquecer en moitísimo tempo. É unha situación mala para todo o mundo, pero cando saltemos ao campo temos que saír cunha mentalidade gañadora.
¿Esta é a situación máis rara que viviches?
Está claro. Ninguén viviu isto, ao mellor os máis maiores, en situacións de guerra, pero quitando iso, non o viviu ninguén. Non se pensaba que isto se podía dar, que igual só pasaba nas películas e tocounos e ogallá poidamos aprender todos das cousas malas que facemos a nivel social e ogallá que non volva pasar.
¿Van saber mellor as churrascadas que facedes na plantilla?
Non estaría mal poder facer algunha. Aínda falta para que nos poidamos xuntar e facer un xantar entre todos para celebrar algo.

Comentarios