Seis equipos e un só ascenso

Moi atractiva está a resultar a liga de Primeira Autonómica cando faltan once xornadas por disputar, que se corresponden con trinta e tres puntos en xogo para optar ás dúas prazas de ascenso para xogar a próxima campaña en Preferente.

Todo apunta a que o Club Lemos, que na pasada xornada goleou ao Cabreiros, non terá problemas en manter o primeiro posto da clasificación, pois o segundo atópase a dezaseis puntos de distancia.

Por detrás, ata seis equipos teñen nestes momentos aspiracións para conseguir esa segunda praza de ascenso. Entre eles están tres da Ribeira Sacra, Bóveda, Taboada e Ferreira. O resto son Páramo, Outeiro e Pastoricense.

O equipo da Bóveda empatou o domingo pasado no seu campo co Alfoz. Dentro de dous días afrontará o partido máis interesante da xornada, un derbi comarcal na Medela ante o Taboada, que leva dezasete partidos consecutivos invicto. Este refacho comezou, precisamente, na primeira volta gañando no campo do Bóveda.

Outro partido transcendente é o que vai enfrontar ao segundo clasificado, o Páramo, co Ferreira de Pantón, que leva varias xornadas sen gañar, de aí eses cinco puntos de diferenza entre ambos os conxuntos.

A xornada completarase co desprazamento do Club Lemos ao campo do Alfoz, o único equipo que logrou un empate na Pinguela na primeira volta da competición.

Nas próximas xornadas haberá enfrontamentos directos entre os primeiros clasificados e poderían aclararse máis eses postos de ascenso.

Na liga de Preferente, o Chantada, con esa derrota pola mínima en Boiro, afástase dos postos de promoción. Na próxima xornada é claro favorito para vencer no Sangoñedo ao equipo da Unión, un dos pechacancelas do grupo.

Xa en Segunda Autonómica, o Escairón segue moi forte, conservando o segundo posto da táboa con nove puntos de vantaxe sobre o Calasancio que, xunto ao Polvorín de Lugo, é outro claro favorito para o ascenso. Os do Saviñao reciben este fin de semana ao Castroverde. Mentres, o Calasancio recibe nos Escolapios a visita dun rival directo para os postos de promoción, o Santa Comba, que ocupa a quinta praza, a catro puntos dos monfortinos.

Nova vitoria do Brollón, que se levantou á cuarta praza e que vai recibir nos Medos á filial chantadino nun novo derbi da comarca.

Os chantadinos, un tanto irregulares nas últimas xornadas, lograron a semana pasada unha importante vitoria en Pas, nun partido con cinco goles.

Primeiro empate da tempada en campo alleo do Sober. Foi en Monterroso, nun encontro que finalizou sen goles. Os soberinos, pechacancelas do grupo, reciben en Centeás a un complicado Friol.

As Areas non baixa os brazos

Non o está tendo nada fácil o Arenas na súa intención de retornar á Segunda Autonómica, mantendo unha intensa loita con dous equipos da capital e a Sarriá. Entre os catro, un quedará sen premio e, de momento, o peor tratado por arbitraxes e sancións incluídas é o histórico club do barrio de Carude de Monforte. O seu próximo rival é o Rubián. Os tres equipos restantes da comarca, Chantada Atlético, Río Sil e Quiroga xogarán na capital, xa sen opcións de ascenso nesta Terceira. No fútbol feminino derbi entre o Monte Forte e o Chantada.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios