Saqués di que as decisións sobre o novo Lugo xa "están tomadas"

O que será dono do club afirma que a próxima semana dará a coñecer o seu proxecto deportivo, que apunta a Toni Otero como director, Luís Milla no banco e Manolo Mandiá na canteira
Luis Milla, como seleccionador de España sub 21, con Quique Setién y (de espaldas) Carlos Mouriz, en el Ángel Carro, en septiembre de 2011
photo_camera Luis Milla, como seleccionador de España sub 21, con Quique Setién y (de espaldas) Carlos Mouriz, en el Ángel Carro, en septiembre de 2011

O próximo dono do CD Lugo, o empresario Tino Saqués, asegura que "as decisións están tomadas e as negociacións, moi avanzadas" respecto ao proxecto deportivo da entidade branquivermella.

O gabinete de comunicación de Saqués respondeu así a Efe cando a axencia informativa preguntou se será Luis Milla o novo adestrador do equipo lucense. O empresario avanzou que será a próxima semana cando se dará a coñecer o proxecto deportivo e non confirmou o acordo con Milla, pero sobre a contratación do que será o futuro técnico do Lugo precisou, sen dar nomes, que "as decisións están tomadas e as negociacións, moi avanzadas".

Unha vez pechada a compra das accións da Deputación e o Concello de Lugo, que lle permiten reunir o 57,9168% do capital social do CD Lugo, a Saqués só lle queda un trámite para ser oficialmente o novo dono. Trátase de que o consello de administración certifique, na súa asemblea extraordinaria do 10 de xuño, o cambio de propiedade e nome unha nova directiva.

Efe recolleu este mércores as informacións que foron divulgando varios medios, entre eles El Progreso. Toni Otero será o novo director deportivo, en substitución de Carlos Mouriz, un extremo confirmado polo seu equipo de procedencia, o Celta de Vigo.

Tamén se apunta que Manolo Mandiá, quen foi técnico do CD Castro, será o elixido para substituír a Quique Prado como director da canteira branquivermella.

En canto a Luis Milla (Teruel, 1966), cuxo nome leva días soando, o seu último destino como adestrador foi o Al-Jazira de Emiratos Árabes Unidos. Con anterioridade, en 2011, logrou o campionato de Europa coa selección española sub 21, á que adestrou entre 2007 e 2012. Foi xogador do Barcelona, o Real Madrid e a Valencia.

Como dato curioso, Luís Milla estivo no Ángel Carro, o campo do CD Lugo, en setembro de 2011, dirixindo á selección española sub 21 nun partido contra Xeorxia clasificatorio para a Eurocopa. No campo coincidiu co adestrador ao que supostamente relevará, Quique Setién.

Comentarios