O Río Breogán xa ten deseñada a súa ruta para o retorno

O equipo lucense comezará os adestramentos de pretemporada o 9 de agosto no Pazo
Érik Quintela bota el balón ante Sergi. AEP
photo_camera Érik Quintela bota o balón ante Sergi. AEP

O Río Breogán ten previsto iniciar os adestramentos o día 9 de agosto. Durante a primeira semana do próximo mes incorporaranse os xogadores do persoal para realizar os recoñecementos médicos previos ao comezo da pretemporada.

O primeiro partido de preparación para o equipo que dirixirá Paco Olmos disputarase o 21 de agosto en Xixón co Bilbao Basket como rival.

COPA GALICIA. O seguinte compromiso confirmado será o que enfronte ao conxunto lucense co Obradoiro o día 28 dese mes. O encontro corresponde á final da Copa Galicia. O torneo tivo que variar esta tempada o seu formato debido ás distintas datas de preparación dos equipos da ACB e a LEB. Por este motivo, a Copa Galicia terá dous finais, a xa citada dos equipos da ACB e a que disputarán Leyma Coruña e Ourense como equipos da LEB.

Por primeira vez, o Río Breogán disputará o Memorial Quino Salvo en Vigo. Será a súa quinta edición e o conxunto lucense terá como rival ao Valencia Básket. O fin de semana do 11 e 12 de setembro, o Breogán participará en Vilagarcía nun torneo cuadrangular. A falta de confirmación oficial, os rivais serían Obradoiro, o Unicaja e o Joventut de Badalona.

PRESENTACIÓN EN LUGO. Á marxe destes partidos, o Breogán tamén quere disputar un partido de presentación en Lugo e non se descarta que se poida disputar antes do inicio da liga Endesa, previsto para o 18 de setembro, un partido máis. Nun destes encontros o rival será Bilbao.

Nestes momentos, o Breogán ten confirmados como xogadores do primeiro persoal a oito xogadores, aínda que hai outros tres con contrato en vigor e anunciouse por parte dos técnicos breoganistas a futura contratación dun escolta e dun catro, aos que tamén podería engadirse un xogador interio máis. Un destes xogadores tería que ter a consideración de formación.

Os oito fixos, dos que tres son incorporacións, son as bases Trae Bell-Hayde e Erik Quintela, o escolta Sergi Quintela, os aleiros Dzanan Musa e Mindaugas kacinas e os pivotes Iván Cruz, Kevin Larsen e Rasid Mahalbasic.

Con contrato en vigor están Adam Sollazzo, Mateo Díaz e Seydou Aboubacar. No caso do ítaloestadounidense a súa continuidade parece segura e nos próximos días se anuciará a súa continuidade.

Con respecto a Mateo Díaz é moi probable que se decida que realice a pretemporada co primeiro equipo. A partir de aí, e tendo en conta ademais que os equipos da LEB non iniciarán a súa preparación ata o mes de setembro –a competición non dará inicio ata o 8 de outubro–, poderíase contemplar unha cesión ou ben que Díaz seguise en dinámica do primeiro persoal, a priori, como xogador número 13.

Con Aboubacar ábrense a posibilidade de negociar a rescisión do ano que lle resta. Hai dous aspectos a ter en conta. O primeiro incumbe ao estado físico logo da intervención de xeonllo á que se someteu a pasada semana; a outra á súa consideración ou non de xogador de formación. Neste aspecto hai dúbidas a causa, segundo sinalaron fontes federativas, dun problema informático. A tempada pasada, Aboubacar considerábase xogador de formación e nesta xurdiron dúbidas, que terán que aclarar, por uns meses de diferenza.

Comentarios