martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Rubén Albés: "A Ponferradina é o noso reto máis difícil ata agora"

Rubén Albés. ADG
Rubén Albés. ADG
O adestrador do Club Deportivo Lugo asegura que o cansazo acumulado, as baixas e o feito de xogar o terceiro partido en sete días converten o duelo de mañá no máis complicado da tempada

O adestrador do Club Deportivo Lugo, Rubén Albés, avisou na rolda de prensa previa ao encontro de este sábado contra a Ponferradina (16.00 horas), que esta nova edición do Derbi dos Ancares "é o partido máis difícil que tivemos en casa ata agora, non só polo nivel do rival, senón polas nosas propias circunstancias", en referencia á lista de lesionados, a acumulación de minutos de moitos titulares e o feito de xogar o terceiro partido nos últimos sete días.

O técnico branquivermello, con todo, celebrou estar "en números de permanencia" e asegurou que a única nota negativa da tempada foron as "baixas, pero que existan abriu portas a futbolistas que incrementaron o seu nivel e puideron sumar minutos de xeito máis rápido". 

Sobre a Ponferradina, actualmente en postos de play off tras un bo arranque de campaña, Albés recordou que "confeccionaron un persoal para dar un salto, é o ano do seu centenario e a mensaxe é claro, están a facer as cousas realmente ben, é un equipo difícil, que apenas comete erros e con moitos recursos". Ademais, puntualizou que a chegada de Sergi Enrich "dálles un punto máis a nivel ofensivo", algo que esixirá do CD Lugo "un partido moi intelixente, porque desde o físico non imos poder estar á altura, pero é aí cando a cabeza axuda a superar todas as limitacións".

Sobre as altas e baixas para o partido, e se reservará a algún dos futbolistas que están apercibidos de sanción, Albés foi contundente: "Non temporizo. Non especulo. Penso na Ponferradina. Se caen tres, caen tres, pero non nos podemos gardar nada. Só existe a Ponferradina e cando acabe xa veremos o parte de guerra. Imos con todo o que temos".

Rubén Albés: "A Ponferradina é o noso reto máis difícil ata agora"
comentarios