Unha rolda que o Lugo adoita superar

O conxunto branquivermello logrou o pase na eliminatoria inicial da Copa do Rei en sete das dez veces que encarou esta competición en Segunda División. Dúas ocasións avanzou ata medirse cun equipo de Primeira
Antón Escobar controla un balón en el duelo ante el Pulpileño de Copa. AEP
photo_camera Antón Escobar controla un balón en el duelo ante el Pulpileño de Copa. AEP

Preparados na rolda inicial da Copa. Listos para andar un camiño no que o primeiro paso adoita ser seguro na Segunda División para o Lugo. O conxunto branquivermello xogará mañá (20.15 horas) en terreo da Unión Adarve madrileño o seu partido inaugural no torneo do k.o., un duelo que pasou en sete das dez tempadas pasadas na categoría de prata.

Os lucenses só quedaron apeados ao primeiro de vez na Copa, militando en Segunda, nas campañas 2012-2013, 2016-2017 e 2019-2020.

Na 2012-2013, con Quique Setién ao mando, foi Rácing de Santander o verdugo lucense cun solitario gol de Kaludjerovic no Ángel Carro (0-1).

Na 2016-2017 era Luís César Sampedro o técnico e foi Tenerife, tamén en casa, o que derrotou aos branquivermellos (1-2) con tantos de Iriome para o Lugo e de Germán e Cristo para os chicharreros.

A última vez que o Lugo caeu en Copa á primeira foi fai dous cursos, cando o Sestao River apeouno nas Chairas cun 6-5 nos penaltis tras o 1-1 do tempo regulamentario e a prórroga.

O resto das campañas nas que o Lugo encarou o torneo do k.o. na categoría de prata sempre avanzou tras o primeiro encontro. En cinco veces —2013-2014, 2014-2015, 2015-2016, 2017-2018 e 2020-2021— o Lugo caeu no seguinte enfrontamento, mentres que noutras dúas logrou avanzar ata xogar cun conxunto de Primeira División.

Na 1992-1993 o Lugo avanzou ata medirse ao Albacete, de Primeira División

Na 1992-1993 o Lugo eliminou —a dobre volta, non a partido único— ao Écija, de Segunda B, por un global de 4-2 e ao Córdoba, tamén da categoría de bronce, por un tanteador total de 3-2 antes de medirse a un ‘Primeira' como era Albacete, contra o que caeu por 0-3 á beira do Miño e empatou (0-0) no Carlos Belmonte.

Na 2018-2019 o club branquivermello superou ao Albacete (2-3) e o Alcorcón (1-0), ambos de Segunda División e a un partido, e mediuse co Levante nos dezaseisavos de final, onde, tras competir de ti a ti, igualou en casa (1-1) e perdeu 2-0 no Ciutat de Valencia. 

Comentarios