Ricardo Úriz volve caer: sofre unha rotura de fibras

O base do Breogán será sometido a probas; non estará polo menos ante o Manresa

Ricardo Uriz. ep
photo_camera Ricardo Uriz. ep

O base Ricardo Úriz sumouse á lista de xogadores lesionados do Cafés Candelas Breogán tras concluír con molestias o partido deste domingo co Tecnyconta Zaragoza.

Úriz, segundo informa o club lucense, foi sometido a probas médicas que apuntan a unha rotura de fibras no sóleo pendente de máis exames para concretar o diagnóstico definitivo e os prazos previstos para a súa recuperación.

En principio, non poderá estar a disposición do seu adestrador, Natxo Lezkano, no encontro da décima xornada da liga Endesa ante o BAXI Manresa (domingo, 12.30 horas).

Nesa cita tampouco estará Henk Norel, que segue compaxinando os exercicios no ximnasio, a piscina e a pista para superar a súa lesión de xeonllo, da que evoluciona satisfactoriamente.

Tamén progresa Kabasele, intervido do xeonllo á conclusión da tempada pasada e que esta semana ten previsto integrarse co grupo en exercicios que non impliquen contacto.

O escolta Tarence Kinsey afronta a fase final da recuperación dunha rotura fibrilar e si podería recuperarse a tempo para o partido de Manresa, partido ao que, en principio, non chegará Salva Arco, que foi sometido a unha infiltración e traballa con cargas progresivas para evitar recaídas.

Para rematar, Emir Sulejmanovic conseguiu que remitan as molestias que lle produce unha edema óseo no xeonllo e aos poucos aumentará o tempo de traballo co equipo, co que segue competindo nos partidos. 

Comentarios