Fernando Seoane, a 17 partidos dunha marca de resistencia

O capitán do Lugo está a menos dunha vintena de participacións de converterse no segundo xogador con máis encontros en Segunda, só superado por Nino
Seoane disputa un balón aéreo con Javier Sánchez, del Valladolid. SEBAS SENANDE
photo_camera Seoane disputa un balón aéreo con Javier Sánchez, del Valladolid. SEBAS SENANDE

É unha das bandeiras indiscutibles do Club Deportivo Lugo. Cando os equipos de Segunda División analizan as súas visitas ao Ángel Carro, aparecen dous nomes en todos os scoutings: Carlos Pita e Fernando Seoane. Dous futbolistas incombustibles que, sen eles, sería imposible explicar a década branquivermella na categoría de prata.

Este xoves, Seoane falou do momento que atravesa o club, do inicio da tempada, do seu próximo rival –o Zaragoza– e dunha cifra de partidos que daría vertixe a calquera menos a un capitán do Lugo que non se fixa nas estatísticas, só nos recordos. "Descoñecía o dato –suma 409 partidos, a 17 de Quique Martín, o segundo clasificado–, non son nada de estatísticas, pero se boto a vista atrás é unha cifra bonita. Oxalá poida chegar, pero do que estou orgulloso é do xeito de como me comportei ata hoxe", sinalou.

O eterno capitán renovou o seu compromiso co club o pasado verán, logo dunha campaña dos afeccionados que pedían con acerto Saqués, o presidente, a súa continuidade e a de Carlos Pita. "Non me saen as palabras. Que me teñan tanto agarimo e queiran que siga non ten prezo. Emocioneime moito, é algo marabilloso que me pase algo así", dixo.

"Creo que merecemos máis puntos. Os goles que encaixamos veñen de descoidos, de falta de concentración"

Sobre o irregular inicio de competición do equipo branquivermello, o centrocampista sinalou que o Lugo "merece máis puntos" dos que logrou ata agora, pero que os goles, encaixados moitos deles en "erros, descoidos e fallos de concentración", acaban penalizando demasiado ao equipo. "En Segunda é fundamental manter a portería a cero. é o que máis opcións che dá para lograr puntos. Temos un déficit neste sentido, pero non creo que o equipo defenda mal", explicou en rolda de prensa.

"BOAS SENSACIÓNS". Con todo, Seoane asegura que o equipo lle transmite "boas sensacións" neste inicio de campaña. "Traballamos e competimos ben, damos a cara. Se encaixamos temos orgullo para repornos da situación, pero nos gustaría converter todo isto en puntos", indicou un capitán que este ano goza de menos minutos que en cursos anteriores. "Gustaríame xogalo todo, pero adáptome ao que toca. Se te deixas levar e non estás ben, acabas xogando incluso menos. Teño claro o que teño que facer", asegurou.

Sobre o rival branquivermello este domingo, o Real Zaragoza, Seoane recordou que as visitas do equipo maño ao Ángel Carro sempre depararon partidos "bonitos para o espectador, con bastantes goles porque eles propoñen moito. Oxalá sexa así, pero que os puntos queden en Lugo", desexou.

O centrocampista explicou que o equipo de Juan Ignacio Martínez, ao que analizaron a través de vídeo este xoves, "ten algún punto menos dos que merecen e será complicado, como todos os que veñen ao noso estadio". "Se non estamos ao noso nivel, non imos ter opcións. Teñen xogadores desequilibrantes e con talento, así que non hai outra alternativa que estar ao 100%", finalizou.

Comentarios