Regreso ao traballo

O Lugo, que recupera a Roberto Canella, regresou este luns aos adestramentos logo de oito días de vacacións do Nadal
undefined
photo_camera Canella intenta alcanzar o balón ante un xogador do Leganés. XESÚS PONTE

O Club Deportivo Lugo regresou este luns aos adestramentos logo dun breve parón do Nadal de oito días que permitiu aos xogadores descansar da intensa acumulación de partidos durante a primeira volta da liga de Segunda División. E é que o inicio tardío da competición obrigou a comprimir o calendario, que durante varias semanas concentrou partidos cada tres días, co conseguinte desgaste físico para todos os equipos.

O Lugo é un dos conxuntos que máis notou a acumulación de encontros, e fíxoo en forma de lesións. Na primeira volta, e sobre todo tras a chegada de Mehdi Nafti ao banco —logo da quinta xornada— foron moitos os efectivos do primeiro persoal que caeron por lesión, o que obrigou ao francotunecino a improvisar aliñacións inéditas nalgunhas ocasións e tirar dos xogadores da Polvorín, noutras.

Un dos aspectos positivos do breve parón do Nadal que acaba de pechar o equipo branquivermello é a recuperación, ou melloría, da lista de lesionados que sofre. Son os casos de Puma Rodríguez, Iriome, Diego Alende, Borja Domínguez e Pedro López.

Canella mellorou da súa molestia e podería volver xogar xa

O panameño lesionouse o pasado 1 de novembro no partido que enfrontou ao Lugo contra o Rayo Vallecano no Ángel Carro e recaeu de doenza cando regresou aos terreos de xogo un mes despois, no choque ante o Las Palmas. Segue de baixa desde entón, pero como Pedro López xa se atopa na fase final da súa recuperación e podería estar dispoñible para o duelo de Copa ante o Girona (7 de xaneiro, 19.00) ou na visita ligueira dos lucenses ao campo do Sabadell (11 de xaneiro).

Alende, pola súa banda, caeu lesionado no último adestramento previo ao partido contra o Zaragoza do pasado día 19. O defensa galego segue pendente de evolución, aínda que está previsto que a súa lesión de sóleo o aparte un mes dos terreos de xogo.

Parecida é a situación que vive Iriome, a quen un desgarro no partido copeiro contra o Pulpileño manteno de baixa e pendente de evolución. O último da lista é Borja Domínguez, que se recupera dunha lesión de xeonllo e tardará máis que os seus compañeiros en regresar á disciplina de adestramentos.

A boa noticia para Nafti é a recuperación de Roberto Canella, ausente nas últimas xornadas por unhas molestias musculares, pero que xa ten fixada a súa reincorporación ao traballo semanal co resto dos seus compañeiros.

Comentarios