Quebracabezas e reto en defensa

As lesións nos laterais e a ameaza de sanción aos centrais condicionan o presente e o futuro inmediato dunha zaga do Lugo que visita ao esixente Albacete o domingo

Campabadal, en un partido. AEP
photo_camera Campabadal, nun partido. AEP

LUGO. Entre lesións e sancións o Club Deportivo Lugo mantén á liña defensiva en máxima tensión e baixo mínimos para os compromisos, para empezar co duelo que lle medirá o vindeiro domingo, desde as 18.00 horas, ante o Albacete no estadio Carlos Belmonte.

A lesión sufrida por Vasyl Kravets é a última incidencia que sofre o conxunto branquivermello. é certo que o xogador ucraíno xa non ía xogar en Albacete porque precisamente estaba concentrado coa súa selección para disputar uns compromisos internacionais, pero agora chega unha lesión que pode terlle apartado máis dunha semana dos terreos de xogo, como comentou a propia federación ucraína de fútbol.

Esta circunstancia fará que posiblemente Kravets non poderá estar listo o próximo fin de semana no decisivo encontro que xogará o Lugo ante o Córdoba, un conxunto que se atopa actualmente nos postos de descenso a Segunda División B. O seu substituto no lateral esquerdo será Luis Ruiz, que xa actuou nese posto esta tempada na outra ocasión na que Kravets foi convocado pola súa selección e nos encontros da Copa do Rei disputados polo Lugo.

Vieira e Josete, ao límite
Se ven unha amarela ante o Albacete non estarían no duelo crave contra o Córdoba

Se no posto do lateral esquerdo só queda agora mesmo Luis Ruiz como único xogador específico para esa posición, algo moi parecido sucede no lateral dereito. Non hai que esquecer que tanto Leuko como Borja San Emeterio levan lesionados unhas semanas e aínda lles resta a ambos un bo tempo de recuperación, especialmente a Leuko. Deste xeito, Eduard Campabadal é o único futbolista específico para o lateral dereito que ten o conxunto que adestra Alberto Monteagudo.

Se as lesións castigan aos laterais na zona central da defensa o que hai que ter en conta son os cartóns amarelos e a consecuente ameaza de sancións. E é que os dous xogadores que actúan habitualmente nas últimas semanas como centrais (Josete e Miguel Vieira) teñen agora mesmos catro cartóns amarelas cada un e están ao bordo da suspensión. Ambos aguantaron sen recibir cartón no pasado fin de semana, fronte ao Alcorcón, pero se a visen ante o Albacete suporían unha nova ausencia para o decisivo encontro da próxima xornada ante o Córdoba e xa non digamos se son os dous futbolistas os que ven o consecuente cartón amarelo no mesmo encontro.

Polo momento, o Lugo contará, salvo imprevistos, cunha defensa formada por Campabadal, Miguel Vieira, Josete e Luis Ruiz para o duelo ante o Albacete, outro dos conxuntos que está a causar sensación no que vai de tempada na Segunda División.

O conxunto manchego caeu eliminado polo Lugo nesta edición da Copa do Rei, pero moi probablemente o once que saque o Albacete para este encontro teña moi pouco que ver. Un dos aspectos que máis chama a atención é o seu potencial en ataque, con varios nomes a ter en conta. Serán unha proba de altura para a zaga branquivermella e un tet para a súa fiabilidade.

Nomes como Zozulya e Ortuño aparecen como as súas referencias principais no ataque, e a eles hai que sumarlle a Manaj, que afortunadamente non xogará ante o Lugo polos compromisos coa súa selección. O Albacete non ten un xogador destacado na lista de goleadores, pero si varios capaces de facerche moito dano.

Comentarios