O Gran Premio San Roque presenta novidades

Esta proba, que se disputa este sábado en Ourol, presenta por vez primeira en España unha carreira de ciclismo inclusivo
La presentación del Gran Premio San Roque en Ourol. EP
photo_camera A presentación do Gran Premio San Roque en Ourol. EP

O Gran Premio San Roque, unha das grandes clásicas do ciclismo de promesas no Norte de España, chega este sábado cargada de novidades. A principal é o cambio de escenario, xa que por vez primeira terá saída e chegada en Ourol, que toma a substitución puntualmente de Viveiro, como epicentro neurálxico do evento. Outra das grandes novidades é a creación dunha carreira inclusiva na que competirán persoas afectadas por unha discapacidade intelectual. A carreira está organizada polo Club Ciclista de Viveiro, xunto á Federación Galega de Ciclismo, e conta coa colaboración dos Concellos de Ourol e de Viveiro, xa que a pesar de non ser punto de partida nin de chegada si que albergará parte do percorrido da proba cadete.

O alcalde de Ourol, José Luís Pajón, e o concelleiro de Deportes de Viveiro, César Igrexas, acompañaron ao presidente do club organizador, César Lage, na presentación, onde tamén estiveron os rapaces da Fundación Aspanane que correrán a proba inclusiva co club vivariense, baixo o patrocinio da Fundación Alcoa.

Pero ademais da proba inclusiva, o Gran Premio San Roque caracterízase sobre todo por ser unha gran festa do ciclismo de base, con carreiras de todas as categorías e unha estelar para federados cadetes, que reúne todo o máis selecto de Galicia, Asturias e Cantabria nesta categoría.

Tras a carreira de ciclismo inclusivo, que abrirá a xornada, ás 10.00 horas comezará a participación dos máis novos, que, desde as 10.30 horas, irán saíndo progresivamente. Os primeiros serán os promesas, que arrincarán ao redor das 10.30 horas, dando paso despois aos principiantes (11.00 horas), alevíns (11.30 horas) e infantís (12.00 horas), que serán os últimos da mañá. Tamén haberá unha proba feminina, ás 15.30 horas.

A proba de maior calado será, unha vez máis a de cadetes, que arrincará ás 17.00 horas e que contará coa presenza duns 90 participantes. Ao saír e chegar desde Ourol o percorrido é ben diferente ao doutros anos, xa que baixará ata Viveiro e virará cara a Bravos para subir pola Garita ata o polígono de Ourol, no que supón un peche moi duro da proba.

O club anfitrión terá presenza de ciclistas en todas as categorías, salvo en mulleres. En cadetes participarán Iago Prada e Ignacio Maroño,que se tomarán a proba como unha aprendizaxe ao ser ambos de primeiro ano.

Comentarios