Proba de supervivencia

A Chantada Wolf Survival Race convocou a máis de 540 corredores que gozaron dun percorrido infestado de obstáculos que combinou parte urbana con tramos de montaña

Chantada Wolf Survival Race. ANA SOMOZA
photo_camera Chantada Wolf Survival Race. ANA SOMOZA

Trinta e cinco obstáculos repletos de orixinalidade, un percorrido que combinou parte urbana con tramos de montaña, e unha paisaxe envexable a beiras do Asma foron a posta en escena da Chantada Wolf Survival Race, na que se deron cita máis de 540 corredores que vestiron de cor e deporte a localidade lucense.

Chantada envorcouse con esta proba de obstáculos, que se dividiu principalmente en tres categorías; unha proba popular, unha disciplina con maior nivel de dificultade denominada starter e unha proba profesional competitiva.

Na carreira popular, os tres primeiros postos na súa variante masculina foron para Toni Guerra, Miguel Sánchez e Manuel González. Na disciplina feminina a vitoria levárona Lorena Pérez Gómez, Emma Prada Estévez e Liliana López Yegros.

A categoría starter, na súa variante masculina, estivo dominada por Gabi Bastos, que finalizou en primeira posición, e con Adrián Inclán Graña e Adrián López Baltar acompañándoo no podio. En categoría feminina a vitoria levouna Sonia Veigas López.

A proba máis esperada da xornada deportiva foi a modalidade competitiva, onde a vitoria masculina foi para Jesús Montoto Vázquez nun final moi apertado cun tempo de 57.47 minutos. Con 57.59 quedou relegado á segunda posición Nilton Monteiro Leal, e xa a máis distancia Damián Espasandín, que parou o cronómetro en 59.01 minutos.

Na modalidade feminina foi Paula Esteiro Ramos a vencedora, marcando un tempo de 1.19.42 horas, deixando en segunda posición a Olga Estelle Camps, que parou o cronómetro en 1.25.05 horas. Completou o caixón Miriam Chapela Carballo cun tempo de 1.28.37 horas.

Comentarios