Prestixio para a categoría

alb ribadeo-iberia004.JPG
photo_camera alb ribadeo-iberia004.JPG

Un dos grandes favoritos da Segunda Autonómica para a próxima tempada será, sen dúbida o Iberia. O conxunto de San Miguel de Reinante parte co obxectivo de recuperar a categoría perdida o pasado ano e para iso apostou por un adestrador de recoñecida valía dentro do panorama mariñán. Trátase de Roberto Ramallal, un técnico que xa traballara antes no club branquiazul, na tempada 2006-07, pero como preparador físico, ás ordes de Gayol, entón adestrador. O palmarés de Ramallal como adestrador inclúe tres tempadas no Riotorto, en Primeira Autonómica, en dúas etapas diferentes, e unha como primeiro técnico do Vilalba xuvenil, conquistando a primeira praza. Como preparador físico, ademais do Iberia, tamén estivo no Viveiro, durante as tempadas 2004-05 e 05-06. Ramallal releva a Chano, que será o encargado de levar as rendas do Viveiro.

A lista de novidades no equipo inclúe sete baixas e catro altas ata o momento, aínda que o persoal non está pechada. Os xogadores que non seguen no equipo respecto da pasada campaña son os defensas Cortegaza e Moncho; os centrocampistas Iván, Sechu e Aitor, e os dianteiros Balbino e Mouro. Para substituír estas ausencias, a directiva do Iberia aposta pola volta de xogadores como Jacobo ou Martín, que xa estiveron en anteriores etapas no club. Tamén se incorporan Belo, defensa procedente do Ribadeo, e Xaviño, que xogaba no Celta Barreiros. Estes futbolistas únense á columna vertebral do equipo da pasada tempada, formada pola meta Brais, os defensas Marcos, Boris e Partai, os centrocampistas Luís e o dianteiro David.

O conxunto de Ramallal empezou a adestrar o día 28 de xullo e desde entón traballa tres días á semana, martes, mércores e venres, que pasarán a ser dous días cando comece a campaña oficial, os martes e os venres.

O primeiro encontro de pretemporada do Iberia saldouse con derrota en Burela, por 2-1, sufrindo ademais a lesión de cóbado da meta Brais. Hoxe será a quenda para o segundo encontro, fronte ao Luís Pimentel, na estrea nas Valgas. Tamén hai programados encontros de pretemporada fronte ao Outeiro de Rei, Iberia, Lourenzá e Celta Barreiros. «Os primeiros encontros deben servirnos para coñecer mellor as características dúas xogadores en competición, así como a asimilación de conceptos tácticos que imos traballando durante as primeiras sesións», comentou o técnico do cadro branquiazul.

O comezo da liga está programado para o día 11 de setembro, aínda con rival por determinar, á espera da saída do calendario da tempada.

PARTIDOS

  • Vitoria con solvencia ante o Luís Pimentel. O Iberia liquidou onte o seu segundo partido de preparación ante o Luís Pimentel. O conxunto de San Miguel venceu por 2-0 con goles de Dani e Ramallal. A actividade non cesa para o Iberia, que recibe mañá ao Outeiro de Rei, de Primeira Autonómica.
  • Pontenova. O Spórting Pontenova, rival do Iberia en Segunda Autonómica, tamén xogou onte. Os xuvenís de Deportivo e Lugo -ao cabo gañadores- disputaron un triangular no que o equipo de Dani Moirón cultivou dous empates sen goles, mostrando unha gran firmeza defensiva.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios