Prado suma e segue: terceiro no GP de Flandes

O lucense acabou terceiro na primeira manga e cuarto na segunda tras unha caída ► Gajser gañou o gran premio
Prado, en Lommel. JUAN PABLO ACEVEDO
photo_camera Prado, en Lommel. JUAN PABLO ACEVEDO

O lucense Jorge Prado (KTM) clasificouse este domingo terceiro no Gran Premio de Flandes, décimo terceira cita do Mundial de MXGP, disputada no circuíto belga de Lommel, e afástase a 58 puntos do líder do campionato e vencedor da proba, o esloveno Tim Gajser (Fonda). 

O piloto lucense foi terceiro na primeira manga, na que se impuxo o francés Gautier Paulin (Yamaha), e cuarto na segunda, gañada polo líder do certame, Tim Gajser, que foi o vencedor do gran premio. 

A proba disputouse na segunda casa de Prado, onde a familia se desprazou xunto a el cando tiña once anos. Alí, na capital europea deste deporte, onde case todos os equipos teñen os seus cuarteis xerais e onde todos os pilotos pasan semanas e semanas de adestramento sobre a traizoeira area, celébranse as tres seguintes probas do Mundial. Un atracón de area que para moitos é un suplicio e para outros, como Gajser, Paulin ou Prado, un xogo.

"Non me atopaba ben porque estaba arrefriado, pero hoxe puiden aguantar, aínda que foi unha carreira moi dura fisicamente"

O día comezou co aviso do español, quen non tivo problemas para marcar o mellor tempo nos cronos, a máis dun segundo de todos os seus rivais. Era a primeira pole de Jorge en MXGP e iso invitaba o optimismo. Na primeira das dúas mangas Prado non arrincou do todo ben, pero aínda así se situou cuarto na segunda curva e pronto pasou a Paulin e Walsh para irse en busca de Gajser. O esloveno impuxo un ritmo moi forte e Prado perdeu algo de tempo e foi alcanzado por Paulin, quen non dubido en ir en busca de Gajser. O líder do mundial cometeu un erro na fase final de carreira e foise ao chan dando vía libre á inesperada vitoria do francés Gautier Paulin. Gajser foi segundo e Prado terceiro. A verdadeira recompensa da boa manga do galego foi que dous dos seus máximos rivais afundíronse na clasificación e cederon moitos puntos, ao terminar Seewer, oitavo, e Cairoli, décimo terceiro.

Na segunda manga a cousa cambiou, Prado saíu primeiro e marcou o seu décimo cuarto holeshot da tempada (xa se asegurou o premio do curso). Jorge aguantou unhas voltas, pero o empuxe dun Gajser que este ano se preparou especialmente para a area puido con el. Mentres o esloveno fuxía cara a unha contundente vitoria, Prado defendía a segunda posición fronte a un Seewer un tanto despendolado, que no intento de pasar ao 61 golpeouno tirándoo ao chan. Jorge levantouse e puido acabar cuarto a manga, asegurándose o podio por detrás de Gajser e Paulin.

Desta forma Gajser consolídase como líder pero iguálanse moito as posicións dos seus perseguidores. Cairoli mantense segundo, pero xa a só once puntos de Prado, quen xa é terceiro tras empatar a Seewer nesta proba.

Prado mostraba a súa alegría tras un novo podio: "Foi un bo día. Onte non me atopaba ben porque estaba arrefriado, pero hoxe puiden aguantar, aínda que foi unha carreira moi dura fisicamente. Gajser ía moi rápido e non puiden seguilo e logo Seewer golpeoume, pero por sorte estou aquí de novo no podio"

A próxima cita é o mércores que vén o Gran Premio de Limburgo, de novo en Lommel, que o domingo será así mesmo o escenario do Gran Premio de Lommel. 

Comentarios