Jorge Prado reserva enerxías en Francia

O piloto lucense perde o liderado no xeneral en detrimento de Tim Gajser, que lle supera en catro puntos de vantaxe. A carreira en Francia estivo marcada pola choiva e o barro
Jorge Prado, en Francia. JUAN PABLO ACEVEDO.
photo_camera Jorge Prado, en Francia. JUAN PABLO ACEVEDO

En Galicia Jorge Prado demostrara que é o piloto máis en forma do Mundial. O seu triplete en Lugo confirmaba o seu liderado e devolvíalle a súa placa vermella. é a tónica desta tempada na que só a climatoloxía adversa está a poder frear ao lucense. 

Choiva, barro e pista esvaradía, os mesmos elementos que lastraron ao español na proba de Portugal, déronse cita onte en Francia para darlle emoción engadida ao campionato. Nesas circunstancias e a propósito do ocorrido en terras lusas, o lucense preferiu nadar e gardar a roupa, arriscar o xusto e saír da cita gala cos mínimos danos posibles.

Xa na clasificatoria do sábado o chuvieiro deixara a pista moi perigosa e aínda así o vixente campión do mundo clasificou en cuarta posición, mentres Febvre e Gajser facíanse cos mellores valos para a carreira do domingo. 

Na primeira manga, coa pista en mellores condicións porque pola noite deixara de chover, Prado rodou de menos a máis e a pesar de verse superado nos primeiros compases de carreira por Tim Gajser e Romain Febvre, reaccionou nos últimos minutos superando ao francés e chegando a meta en segunda posición a poucos metros do esloveno. 

Todo apuntaba a que o representante lucense ía estar unha vez máis nas posicións altas do podio, pero entre as dúas mangas chegou a tormenta que descargou con forza e deixou o circuíto impracticable. 

Nesas circunstancias o 'holeshot' era a arma definitiva e o francés Febvre fíxose con el, levantado polo seu público, mentres Prado saía en sétima posición e dedicábase toda a manga a rodar coa máxima cautela para non pór en risco o seu obxectivo máximo, o título mundial. 

Por diante a pementa púñana Herlings e Gajser que arriscaron ao máximo en persecución de Febvre. A súa aposta tivo distintos resultados, Gajser foise ao chan e só puido terminar sexto, xusto diante de Prado, e Herlings chegou ata o galo e superoulle na última volta.

Febvre subiu todo o máis alto do podio e Gajser recuperou o liderado do campionato, pero dentro do malo, Jorge Prado non perdeu excesivos puntos e sitúase segundo a só catro puntos do esloveno e disposto a recuperalos nas próximas probas.

O próximo gran premio celébrase en Alemaña o fin de semana do 1 e 2 de xuño.

Comentarios