Portomarín recupera o pulo deportivo

Máis de 800 embarcacións de 85 clubs participan este sábado na Copa de España de Novas Promesas Infantil de piragüismo no encoro de Belesar

Palistas do Fluvial no encoro de Belesar (Portomarín). SEBAS SENANDE (ARQUIVO)
photo_camera Palistas do Fluvial no encoro de Belesar (Portomarín). SEBAS SENANDE (ARQUIVO)

A Copa de España de Novas Promesas Infantil sobre 3.000 metros que se disputará este sábado en Portomarín supón dar un pulo aos plans de recuperación da capacidade deportiva do río Miño e do encoro de Belesar. Desde o ano 1974, Portomarín non acolleu unha proba deste rango e este nomeamento é un dos poucos outorgados pola Federación Española de Piragüismo na Liga Nacional de Novas Promesas fóra das bases permanentes de Sevilla, Asturias e Pontevedra. 

Na competición está prevista a participación de máis de medio milleiro de palistas que forman 834 embarcacións, pertencentes a 85 clubs de 16 comunidades autónomas. 

O público poderá gozar de 14 regatas nas que estarán presentes os mellores piragüistas de entre 12 e 14 anos de toda España. 

Nas regatas estarán os mellores palistas de España de entre 12 e 14 anos

As probas comezarán ás 10.00 horas do sábado coas finais de C-1 Infantil A e B feminino e concluirán ás 20.00 horas coa disputa da final do K-2 Mixto. No medio, terán lugar as finais de K-1 Infantil B Feminino (10.30 horas), K-1 Infantil B Masculino (11.00 horas), K-1 Infantil B Masculino (11.00 horas), K-1 Infantil A Feminino (11.30 horas), C-1 Infantil A e B (12.00 horas) e pechará a sesión de mañá a final de K-1 Infantil A Masculino (12.30 horas). 

O turno vespertino arrincará coa regata de K-2 Infantil B Feminino (16.30 horas), á que seguirán o C-2 Infantil B Masculino e Feminino (17.00 horas), o K-1 Infantil A Feminino (17.30 horas), o C-2 Infantil A Masculino e Feminino (18.00 horas), o K-2 Infantil B Masculino (18.30 horas), o K-2 Infantil A Masculino (19.00 horas) e como penúltima proba o C-2 Infantil Mixto (19.30 horas). 

A realización da copa é o resultado de meses de colaboración e de moitos esforzos do propio Club Fluvial de Lugo, con Tito Valledor á fronte, demostrando así a súa capacidade para organizar este tipo de eventos; a propia Federación Española de Piragüismo, a Xunta de Galicia e o Concello de Portomarín.
 

Juan Serrano: "Esta copa demostra o verdadeiro potencial que ten o río para todos"
Juan Serrano. V.R
O alcalde de Portomarín considera que o Miño ten que ser máis protagonista na vida de Portomarín e esta copa é o primeiro paso para iso. 

Había ganas de ter un evento coma este en Portomarín. 
Dende 1974 non tivemos unha competición deste rango. O mérito é do Club Fluvial e da Real Federación Española de Piragüismo que puxeron moito esforzo en que isto fose unha realidade. O Fluvial é a terceira sociedade deportiva de Galicia. Ten unha traxectoria impecable, con medallistas olímpicos, e iso deriva nunha rede de contactos, nun peso dentro da disciplina que fan que este soño sexa posible. 

Que significa para a vila?
Creo que vai ser unha inxección económica porque haberá case un cento de clubes movéndose por aquí. Creo que contamos con recursos para que a vila non se vexa colapsada porque temos unha rede moi ampla de aloxamentos relacionada co Camiño de Santiago que agora mesmo ten moita capacidade, xa que o Camiño, por mor da pandemia, vai máis lento ca outros anos. Ademais, esta é unha oportunidade de ouro para diversificar. Portomarín débelle moito ao Camiño pero non debe vivir só diso. Temos no río unha fonte natural de riqueza que pola vía do turismo e do deporte pode aportar moito. Esta proba servirá tamén para darnos conta desa potencialidade. 

Se estas probas se consolidan, teñen marxe para dar acollida a centos de deportistas cando o Camiño estea a pleno rendemento? 
Eu teño moita confianza na empresa privada e creo que saben ler un pouco o futuro, ver por onde van as cousas e posicionarse. Se a raíz deste campionado a iniciativa privada percibe que hai unha demanda e unhas necesidades por cubrir, vai crear esa oferta. 

Estiveron moi pendentes do nivel de auga do río para as regatas. 
O feito de que a proba saia adiante demostra unha boa vontade por parte da empresa hidroeléctrica. Somos o remate do embalse de Belesar e iso implica que as baixas de caudal nos afectan directamente. As turbinas do encoro regulan nunha porcentaxe moi alta o nivel de auga do río e para probas coma esta necesitamos un fondo e un ancho de lámina de auga. Tivemos momentos complicados nos que a auga estaba moi xusta pero finalmente o nivel empezou a subir. Creo que Fenosa entendeu que as súas necesidades de produción teñen que ser compatibles coas necesidades sociais e medioambientais. Iso implica manter uns caudais que garanticen a saúde do río pero tamén que os veciños poidan usar os cauces. 

Será a primeira copa de moitas? 
Isto abre un camiño. Hai conversas para facer algo de traíñas e máis proxectos. Cousas que lle poden dar un novo pulo a Portomarín. Son ideas nas que está implicada moita xente que traballa de xeito altruísta. E a esa xente non se pode decepcionar.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios